Amencer dun Novo Día. Entrevista a Brian Weiss. 2007. Gl

Amencer dun Novo Día. Entrevista a Brian Weiss. 2007.

Doctor Brian Weiss.

Entrevista a Brian Weiss por Dawn Light (Luz da Alba).

Este artigo foi recuperado de internet. Presenta erros e lagoas que nalgúns puntos fan difícil a súa comprensión e tradución. Pedimos desculpas.

Tradución á lingua galega: Vicenzo Reboleiro González.

Brian Weiss.

Many Lives, Many Masters (Moitas Vidas, Moitos Mestres).A descoberta de Brian Weiss da terapia de regresión, que el relata no seu libro Many Lives, Many Masters (Moitas Vidas, Moitos Mestres), mudou para sempre a práctica da psicoterapia, así como a vida dos seus clientes e dos seus lectores. Os seus libros véndense moito, escribiu oito; dá conferencias por todo o mundo; é Presidente Emérito de Psiquiatría no Mount Sinaí Medical Center; segue atendendo os seus pacientes na súa consulta de Miami; é a principal autoridade da nación en todo o que se refire á terapia regresiva de vidas pasadas. O seu traballo axuda a xente a conseguiren resultados na súa sanación e nas súas viaxes de vida e espirituais. O seu último libro, Same Soul, Many Bodies (Moitos corpos, unha mesma alma), fala sobre as leccións que dá a vida; explica a «terapia de progresión», os seus beneficios e como axudou a moitos dos seus clientes.

New Visions Magazine. A conversation with Brian Weiss (Revista Novas Visións. Unha conversa con Brian Weiss).

Esta entrevista.

Aquí está a entrevista completa dunha hora que lle fixen a Brian Weiss. Un extracto desta entrevista publicouse no número de S etembro/Outubro de 2007 da revista New Visions Magazine.

Dawn: –Para sanar un problema particular ou unha condición, é importante facermos unha regresión ou unha progresión a unha vida anterior, que xa vivimos, ou a unha futura que viviremos? Podería ser beneficioso viaxar a unha vida pasada ou futura doutra persoa e igualmente sanármonos con este método?–

Brian: –Isto paréceme algo específico. Se tes un síntoma na túa vida actual, aparentemente ten as súas raíces nunha vida pasada, e lembrando aquela vida pasada ou o incidente que deu pé aos síntomas, hai un efecto liberador. Isto é parecido á psicoterapia tradicional, onde as persoas lembran acontecementos traumáticos ou significativos da súa infancia ou adolescencia. O mesmo recordo ten un efecto liberador sobre os síntomas, e é coma se a terapia de vidas pasadas fose moi parecida á psicoterapia tradicional neste sentido: coma se lembrando as causas desaparecesen os síntomas do tempo presente. Tamén parece que as lembranzas dunha vida pasada sexan máis importantes nesta que as memorias futuras, e que se trata dun tema complicado en si, porque existen múltiples futuros posibles, e o penetrar no futuro, que a física moderna agora tamén considera unha posibilidade, parece axudar á xente máis nas súas decisións que nos seus síntomas. De maneira que diría que a regresión a unha vida pasada é un pouco máis específica para curar os síntomas e sanar as doenzas.–

Dawn: –Cre que a regresión a unha vida pasada e a progresión a unha vida futura son esenciais para a total sanación dos problemas e desafíos desta vida?–

Brian: –Non necesariamente esenciais; para algunhas persoas sono máis que para outras, mais certamente, se alguén ten bloqueos ou obstáculos á súa paz interior ou á súa alegría, ou se está bloqueado na dor, ou se ten síntomas ou doenzass orixinadas en vidas anteriores, entón certamente a resolución deses síntomas ou doenzas, ou a comprensión que as regresións ou as progresións poden proporcionar, é moi útil e pode ser de grande axuda, porén non é esencial para todos. Certamente todos temos curiosidade sobre o que acontece despois da nosa morte, sobre a vida despois da morte, de se nos reuniremos cos nosos seres queridos. Así e todo, non é esencial. Creo que é útil para todos termos esa perspectiva aumentada, e algunhas persoas que se cadra non son conscientes do útil que podería ser, cren que van facer unha regresión quizá por curiosidade, descobren que é moito máis importante que iso. Así, a pesar de que é importante, e a miúdo de gran axuda, non sempre é necesario ou esencial.–

Dawn: –Que pensa doutros métodos de curación? Hai algún que sexa complementario co seu?–

Brian: –Certamente utilizo outros métodos de sanación no meu traballo. Son médico, psiquiatra, e utilizo tamén a psicoterapia tradicional cando é necesario. Ocasionalmente, xunto coa terapia de regresión, uso medicación se alguén ten o que eu vexo como unha doenza biolóxica significativa. Non obstante as utilizo en pequenas cantidades e por períodos curtos de tempo, porque as uso unicamente como unha axuda para comprender, de maneira que estoutras terapias sexan máis útiles. Porque, poñamos que alguén, por exemplo, estea gravemente deprimido, terá verdadeiras dificultades para a regresión porque a súa depresión interferirá. De maneira que, se podemos aliviar a depresión, isto permitirá que o traballo de regresión sexa moito máis efectivo. Hai moitas outras técnicas sanadoras: o traballo enerxético, a bioenergética, que tamén son útiles. De maneira que esta é unha das moitas terapias de sanación.–

Dawn: –En que medida o descubrimento da terapia de progresión cambiou a súa visión da vida e as eleccións que fai?–

Body Mind Spirit Expo.Brian: –Estou a falar da terapia de progresión, mais en realidade no taller de Filadelfia (na Mind Body Spirit Expo) enfocarémonos máis na terapia de regresión. Quizá fagamos unha progresión tamén como demostración do que é, mais cara a un futuro afastado, non na vida presente de ningún dos participantes. Desta maneira non terán que preocuparse do tema. Paréceme que irmos ao futuro, e, repito, isto é perfectamente posible, se te fixas na física moderna, en especial a Teoría de Cordas, unha derivación da física cuántica, que postula múltiples dimensións e unha infinidade de universos. De maneira que cando imos ao futuro, sexa cal for o concepto diso que ten a xente, fágoo principalmente para axudala a tomar decisións. Por exemplo, utilizo moito a visualización no meu traballo, e se a xente, neste estado profundo de relaxación pode visualizar futuros posibles e logo fixarse nos seus sentimentos e no que están a observar e as súas experiencias mentres o fan, é de moita axuda. Por exemplo, se has de tomar unha decisión moi importante sobre aceptar ou non un traballo en Los Ángeles e compáralo co teu futuro se te quedas en Filadelfia, ou se aceptas outro traballo, digamos en Atlanta. E quizá teñas certos sentimentos ou pensamentos, ou intuicións, ou ás veces simples revelacións sobre cal sería mellor para ti. E isto non é simplemente unha fantasía. É moito máis que iso porque resulta que a xente toma mellores decisións. Ou, por exemplo, se foses a unha vida futura e vises as consecuencias das túas accións desta vida como resultaron no futuro, chamémoslle karma, pódeste adiantar e cambiar a túa conduta nesta vida para tentar conseguires un futuro mellor ou máis agradable para ti. Porén repito, no taller de Filadelfia, durante a conferencia, sobre todo farei traballo sobre vidas pasadas.–

Dawn: –Unha das cousas sobre as que falou foi sobre múltiples dimensións que teñen lugar simultaneamente. Disto falouse no libro de Neale Donald Walsch Home with God («En casa con Deus») en Life that Never Ends («Unha Vida Interminable»). Podería ser beneficioso falar con xente que está neses universos paralelos vendo as súas vidas paralelas?–

Brian: –Ben, creo que podería ser, mais é interesante porque a maior parte do meu traballo agora como médico está enfocada en axudar a xente con síntomas, con enfermidades, con síntomas físicos, con síntomas emocionais, con problemas psicolóxicos, ademais de axudar a xente en duelo para que entendan sobre a morte e que é a morte e o que non é, e facerlles sentir simplemente unha sensación da súa propia eternidade ou inmortalidade. Isto é moi importante e doulle prioridade mesmo sobre o experimentar dimensións paralelas ou a infinidade de universos. Iso son unha especie de experiencias cume e creo que son moi importantes cando a xente as experimenta, con todo son moito máis raras. Incidentalmente, estaba a falar con Neale en Chicago nunha conferencia sábado pola noite e falabamos precisamente destas cousas que me estás preguntando agora. Unha pequena coincidencia.–

Dawn: –Como explicaría o déjà vu? Cre que é unha visión de algo que tamén fixemos nunha vida paralela ou un soño que tivemos que se fixo realidade, ou de mirar a esta vida (cando o déjà vu sucede) desde un tempo ou unha vida anteriores?–

Brian: –O déjà vu é unha sensación de familiaridade, coma se estiveses nun sitio con anterioridade, ou se coñeceses unha persoa antes. A maior parte da xente experimentouno. Poderías estar a viaxar por Praga e serche moi familiar. Iso pode ser por un soño, pode ser por unha situación parecida na que te atopaches na túa vida presente, ou tamén pode ser dunha vida pasada na que efectivamente estiveches naquel lugar xeográfico, ou coñeceches esa persoa en particular, que podería ser un compañeiro da alma, ou unha parella, ou algo parecido. De maneira que ás veces vén dunha vida pasada e eu teño casos dunha persoa que visita unha cidade europea por primeira vez e sabe como moverse na cidade, de tan familiar que lle parece. Sabe onde estaba a vella igrexa, agás que xa non está alí desde hai 150 anos. E onde estaba a estancia secreta da igrexa e o que aconteceu alí. Así eses son casos de déjà vu que veñen de recordos de vidas pasadas. Non obstante tamén poden vir da infancia ou doutras circunstancias, de maneira que se necesita facer un pouco de investigación para encontrarr a orixe do déjà vu.–

Dawn: –Cre que algunhas almas seguen facendo o papel dunha vida determinada despois de morreren (como a Nai María e outros mestres) e seguir co papel, aparecéndose aos seus seguidores e devotos?–

Brian: –Eu creo que a Terra é un lugar moi complexo. É unha dimensión física pero hai moitas, moitas dimensións diferentes e outros niveis. Ademais, as almas, ou espíritos, son a parte eterna de todos nós, porén estamos todos conectados e hai moitas ilusións sobre estarmos separados e a individualidade, aínda que se trata dunha ilusión moi forte. Así, cando a xente morre, é dicir cando deixan o seu corpo físico, porque a alma non morre, seguen cara a outras dimensións e outros niveis de conciencia, e alí experimentamos almas con vibracións moi diferentes e varían moito. Así, por exemplo, unha alma moi evolucionada pode regresar á dimensión física e pode asumir outro corpo físico, pódeo facer de maneira voluntaria. É o que os orientais chaman «enerxía do Bodhisattva». Con todo non é só un concepto oriental, senón que está en todas as relixións occidentais e as súas tradicións místicas e pódese manifestar daquela maneira ou aparecer dunha forma distinta: unha forma espiritual, unha forma de enerxía, de moitas maneiras distintas. En realidade todo é enerxía, así cando estas cousas acontecen poden representar varios fenómenos distintos. Tanto se se trata de energía do Bodhisattva, ou un mestre, ou un guía ou un ser espiritual, que por algunha razón se manifesta para dar información, para dar unha mensaxe. O que nós chamamos a Graza, en realidade é este tipo de intervención espiritual: para axudar, ou previr un perigo, ou algo polo estilo. Estas cousas non son raras, acontecen moi a miúdo. Agora, a forma en que se manifesta o ser espiritual pode ser unha forma que sexa familiar á persoa, de maneira que esta se sinta segura ou que estea máis disposta a escuitar, ou que non se asuste, e certamente está dentro dos poderes ou habilidades dos seres espirituais o de asumiren calquera forma que queiran para manifestárense á persoa de maneira física.–

Dawn: –Existen almas que axudan a outras a avanzar cara a niveis máis elevados de evolución ou de conciencia despois de deixaren o corpo? Como unha especie de guías?–

Same Soul, Many Bodies (Moitos corpos, unha mesma alma).Brian: –Isto ocorre continuamente. En realidade está previsto que así sexa. Todos avanzamos seguindo a mesma senda espiritual. Co tempo todos nos graduaremos, así que ninguén se gradúa realmente até que todos o fan. Todos estamos conectados. Todas as almas están realmente conectadas. E mesmo o título do meu último libro, Same Soul, Many Bodies (Moitos corpos, unha mesma alma), é unha cita do filósofo romano Plotino, que dixo que hai a mesma alma en cada corpo. Isto ten un significado duplo. Un é que as almas se reencarnan de vidas pasadas na vida presente e en vidas futuras. Esta mesma alma vai animar moitos corpos. Non obstante ten tamén un significado máis profundo no sentido de que quizá hai unha Alma, posto que todos estamos conectados, unha especie de super-alma ou grande Alma e todos somos emanaciones desa Alma superior. Así pois estamos conectados nese sentido e temos que axudarnos os uns aos outros para saírmos adiante. Tanto se estamos en corpo físico ou fóra del, alén do corpo físico, segue habendo ensinamentos, segue habendo evolución, segue habendo crecemento cara a dimensións máis elevadas, e esa é a dirección en que todos imos.–

Dawn: –Cre vostede que as cousas están a funcionar correctamente nas nosas vidas sobre este planeta?–

Brian: –Creo que si, en xeral, aínda que poida non parecelo, porque este é un planeta interesante. Esta é unha dimensión moi difícil. Ten consistencia física, de maneira que temos doenza, perda, morte, dor, pero é tamén un lugar onde pode haber grande alegría, amor, compaixón, e a posibilidade de avanzar máis rapidamente no noso camiño espiritual; hai moitas oportunidades de crecemento. De maneira que, aínda que poida non parecelo así, pode dar a impresión de que estamos perdidos por mor das guerras e a violencia e a confusión que se dá todo o tempo, polo modo en que a xente trata os demais e o planeta. En realidade penso que estamos a avanzar na dirección correcta e que isto é unha escola. Así, nunha escola hai probas, a xente ten a liberdade de interromper, de decidir repetir un curso, de cometer erros e aprender deses erros. Temos que velo desde a perspectiva de que realmente non existe a morte, porque somos seres espirituais. En realidade non hai nacemento. Existimos desde antes de nacer no noso corpo físico. Existiremos despois da nosa morte. Se se ve desde esa perspectiva, en realidade non estamos tan perdidos como parece cando lemos o xornal cada mañá, ou poñemos as noticias e as cousas parece que van tan mal neste planeta. Hai realmente un camiño evolutivo en que nos encontramos todos, e iso non nos vai tan mal.–

Dawn: –Cre que a xente aprende entre vidas para axudaren na próxima vida ou nas seguintes?–

Brian: –Si, sempre estamos a aprender. O feito de que soltemos un corpo físico non significa que non continuemos avanzando e aprendendo no outro lado. De feito, iso é o que facemos. Tamén no outro lado seguimos aprendendo. Despois regresamos aquí, ao estado físico, aos nosos corpos, para vermos se aprendemos as leccións. Tamén é importante aprendermos as leccións a un nivel máis profundo, ao nivel do corazón, e non só na cabeza ou na mente. Por exemplo, es unha persoa compasiva porque sabes que os seres espirituais, que é a nosa verdadeira natureza, son intrinsecamente compasivos. Esa é a verdadeira razón, non porque fuches castigado por seres violento no século XIV. Esa é unha razón demasiado intelectual. Isto é unha escola, e estásenos pondo a proba todo o tempo, porén aprendemos tanto no outro lado coma neste.–

Dawn: –Tivo experiencia con alguén que teña recordos de aprendizaxe entre vidas?–

Brian: –Si, isto ocorre a miúdo. No meu traballo levo as persoas a niveis máis profundos. Isto é moi seguro, a xente viu tantos exemplos de hipnose no cinema ou na televisión que non eran exactos… A verdade é que ti tes sempre o control, podes abrir os ollos en calquera momento etc., e nunca fixeches nada en contra da túa vontade. É moi, moi seguro. Nestes estados profundos a xente pode experimentar acontecementos de despois da morte, e tamén experiencias. Por iso hai cantidade de xente que estudou este estado particular chamado estado de «entre vidas», ou Estado de Bardo. Ten tamén outros nomes, e alí tamén seguimos aprendendo. A xente describe o que acontece neses estados. Ás veces as descricións están limitadas polas palabras ou os conceptos ou as mentes da xente, ou coloreadas por eses factores. Porén emerxe un consenso de que a aprendizaxe segue tendo lugar tamén no outro lado. Non temos limitacións do corpo físico ou do cerebro cando nos achamos no outro lado, de maneira que a aprendizaxe pode realizarse a un ritmo acelerado.–

Dawn: –Que pensa dos pantasmas?–

Brian: –Ben, esa palabra ten distintos significados para as persoas. No seu uso máis frecuente, os pantasmas son almas, ou espíritos ou conciencias que deixaron o corpo físico, que quizá non se deron conta de que están mortos fisicamente e así seguen vagando por aquí ata que se decatan que quizá teñan que progresar no outro lado e entón vanse cara á luz, a unha revisión da vida de todas as fases que describen moitos investigadores, que se ocupan das experiencias da morte. Con todo ás veces os pantasmas, no sentido popular da palabra, poden ser espíritos ligados á terra que aínda non avanzaron cara á luz e máis aló para continuar a súa aprendizaxe e para escoller a súa encarnación seguinte. Algunhas persoas utilizan a palabra pantasma (ánima, espectro) no sentido de espíritos, é dicir pódese estar a recibir a visita dun guía espiritual ou mentor ou mestre e chamalo pantasma, aínda que ese non é un bo nome para designalo, porque pantasma ten tamén moitos outros significados. De maneira que eu utilízoo no sentido estrito de espíritos que están aínda vagando pola terra porque quizá aínda non se deron conta de que están mortos.–

Dawn: –Algunha vez puido axudar a algún destes a seguir adiante e darse conta de que estaba morto?–

Brian: –Ben, falas coa persoa nese estado, nese estado profundo e descríbeslle o proceso: da revisión da vida, e o por que estamos aquí, e por que chegaron a esta escola en primeiro lugar, o programa de leccións, o camiño espiritual no que elixiron traballar, as cualidades que decidiron aprender, tanto se é a compaixón ou a non-violencia ou o amor ou a paciencia, ou o tipo de leccións que todos coñecemos. Logo falamos sobre a luz e o que sucede na luz, a presenza espiritual da luz, e do factor renovador da luz e seguen adiante. É moi fácil facer isto.–

Dawn: –Di que a nosa meta final é a inmortalidade. Que significa isto para vostede? Ten o mesmo significado para todos?–

Brian: –Creo que agora o definiría doutra maneira, que a meta final é comprender a nosa inmortalidade. Xa somos inmortais, xa a temos. Isto significa que o corpo non é inmortal, é a esencia espiritual, a alma, o espírito, a conciencia, chámao como queiras. Esa é nosa parte inmortal. É case como un coche e un condutor. Ás veces identificámonos como o coche, mais non o somos, en realidade somos o chofer. Así, cando o coche se gasta deixámolo e conseguimos outro. Isto é o que quero dicir ao falar de seres inmortais, que nós somos entes espirituais. E que os seres espirituais, e todos nós o somos, teñen certas cualidades: amor, compaixón, non-violencia, paciencia, comprensión, falta de prexuízos, ese tipo de cualidades. E habemos de comprender que iso é o que somos e esa é a razón pola que estamos aquí, para aprendermos. E así é como alcanzamos dimensións superiores. Así non pensamos en nós como corpos físicos; isto é unha ilusión, un estado temporal. Pensamos en nós como seres inmortais, e iso é máis exacto.–

Dawn: –Como afectou á súa experiencia vital persoal o descubrir a terapia de regresión e progresión? Sentiu unha maior satisfacción ou paz respecto ao futuro?–

Brian: –Efectivamente, isto axudoume moitísimo. Tiven o privilexio de facer terapias de regresión e de progresión nos últimos 27 anos, desde que Catherine, a muller que aparece en Many Lives, Many Masters (Moitas Vidas, Moitos Mestres), entrou no meu despacho por primeira vez. Diso hai moito tempo e fixen este traballo con máis de 4.000 pacientes na miña consulta, e centos de miles máis en grupos en todo o mundo. Como no grupo que faremos en Filadelfia na Mind Body Spirit Expo, en que faremos regresións de grupo. E despois a xente me enviará as súas experiencias por correo ou por e-mail. De maneira que me axudou enormemente, nos meus valores, nas miñas prácticas, en como fago a meditación agora, e en que as pequenas cousas que me molestaban antes xa non me molestan tanto. Os meus valores mudaron e isto significou un grande beneficio para min; observar estas regresións cada día, participar, coñecer grandes persoas, viaxar por todo o mundo e coñecer estas persoas e ter experiencias, axudoume enormemente. Estou moi agradecido por ter esa oportunidade.–

Dawn: –Como percibe o futuro do planeta e da raza humana?–

Brian: –Ben, falo diso no meu último libro. Estaba a facer unha especie de investigación, non moi importante; tratábase de entregar uns cuestionarios e pedir que os enchesen despois de facer progresións de grupo no futuro. Fíxeno tamén de maneira individual, porén a maior parte foi con grupos, e observábanse tres períodos de tempo: 100 a 200 anos no futuro, 500 anos no futuro, e 1000 anos no futuro. Escribo sobre a unanimidade, a concordancia da xente que se despraza ao futuro nun estado de relaxación profunda. O que describen ten unha coherencia tremenda, sobre todo no futuro afastado. E todos estamos aquí. Non é a fin do mundo. Acontecen algunhas cousas malas, e algunhas cousas boas. Escribo moito sobre isto no meu novo libro (Same Soul, Many Bodies, Moitos corpos, unha mesma alma).–

Dawn: –Cre que os humanos poden realmente destruír o planeta, ou tratarase máis ben que nós o faremos inhabitable para nós mesmos, mais o planeta seguirá adiante?–

Brian: –Ben, a miña opinión persoal é que o ser humano non pode destruír o planeta. A tecnoloxía poderá medrar enormemente no próximo milenio ou máis, así que pode ser posible. Mais en xeral creo que o perigo non é para o planeta, senón para os seus habitantes. De maneira que podemos facelo insoportable ou inhabitable, porén a terra sobrevivirá e supoño que as plantas tamén, son moi resistentes. Só temos que preocuparnos pola xente e os animais, e esta é a nosa escola, de maneira que debemos ocuparnos dela. É unha fermosa escola con grandes cousas para ensinar, un bo lugar para aprendermos e realmente deberiamos ser coidadosos en como tratamos o planeta. Con todo non estou preocupado polo planeta, estou preocupado polos seus habitantes.–

Dawn: –Estou con vostede. Hai outros obxectivos ou beneficios nas terapias de regresión e progresión?–

Brian: –Creo que xa falamos diso, sanar física e emocionalmente…–

Dawn: –Ben, e que pasa se alguén quere encontrar unha persoa que desapareceu, ou descubrir o destino de alguén con quen perdeu o contacto mais que finalmente volverá encontrar?–

Brian: –Aquí entramos no tema dos parentescos. A idea de amigos da alma ou os compañeiros da alma ou da xente coa que entraremos en contacto, e hai moitas máis dunha soa, e non sempre é romántico; hai xente coa cal estiveches anteriormente e coa que volverás estar. Naturalmente pódense atopar en vidas pasadas, e pódese comprender o obxecto da vosa relación nesta vida baseado no que fixestes en vidas pasadas. Os parentescos mudan: a túa avoa pode regresar como o teu neto ou como unha sobriña ou algo parecido. Os parentescos cambian, mais as almas son as mesmas. Se ollas o futuro verás cando volveredes estar xuntos e como as vosas accións na vida presente son unha especie de verificación da vosa relación nunha vida futura.–

Dawn: –Mais, que pasa se se trata dun neno que se perdeu nalgún sitio e ollase cara adiante a unha vida futura cando aquel neno finalmente regresa e di: «Oh, mira, eu estaba aquí cando me perdín», e no momento presente pode ir e mirar e atopar o neno nese lugar. (Refírome ao caso de que o neno escapase, non que morrese).–

Brian: –Si, tiven moitos casos parecidos ou con variantes. Por exemplo, un bebé que morre, a miúdo atópase a relación dunha vida pasada no que está a suceder, e recoñécese a alma do bebé mais atópase nun corpo distinto, non o corpo do bebé, mais é unha relación do pasado. Quizá viviu ata os 95 anos naquela vida, porén nesta morre sendo un bebé, pola razón que sexa. En todo caso, non é necesariamente un castigo, sempre encerra unha aprendizaxe. Tiven casos na vida actual, nin sequera indo a unha vida futura, en que un neno morre e logo a mesma alma regresa como outro neno cos mesmos pais. Entón o segundo neno fala de experiencias que tivo o primeiro, en primeira persoa. Vemos isto bastante a miúdo. O mesmo sucede ás veces cos a bortos. Quizá o corpo físico non vai ser suficientemente forte para o destino daquela alma, de maneira que se establece unha especie de acordo coa nai, hai un aborto e despois a alma regresa nun corpo físico máis forte. É a mesma vida. Ou podes ollar no futuro e ver onde regresará aquela alma. Con todo lembra, o futuro é máis vago porque hai unha infinidade de futuros. Hai futuros probables e futuros posibles. É case como unha análise estatística. De maneira que as túas decisións están sempre cambiando o futuro, de maneira que o que prevés desa maneira quizá non sexa o futuro que chegará. Porén certamente os outros exemplos, son máis definitivos, e podes ver o retorno da mesma alma. A vida presente, por exemplo, é a vida futura dunha das túas vidas pasadas, e aquí te atopas xunto con moitas das mesmas almas, outra vez as mesmas persoas. De maneira que non é difícil proxectarse nunha vida futura coa cal aínda vas interactuar. Case se pode predicir como vai ser baseado na túa conduta nas relacións na vida presente. De maneira que o mellor que se pode facer é practicar unhas relacións saudables, é dicir relacións cheas de comprensión, paciencia, compaixón, amor e empatía. E se o fas así, terás vidas futuras con mellores relacións.–

Dawn: –No libro Same Soul, Many Bodies (Moitos corpos, unha mesma alma), a súa paciente, Vitoria, seguiu tendo dor de costas nesta vida a pesar de ser sanada na vida anterior. Por que tivo que experimentar outra vez esa dor? Non debía ficar sanado para sempre na sanación da vida anterior?–

Brian: –É difícil coñecer o propósito dunha alma desa maneira. Ás veces conséguese, pero outras veces as razóns non son claras até máis adiante. Porén nesta vida iso foi certamente un factor importante, como nun grandioso arrebato de crecemento espiritual para ela. Non sei por que os síntomas continúan. Aínda que foi sanada nesa vida, tamén chegou até esta, mais en certa maneira fíxoa terminar naquel taller do Instituto Omega, onde regresou a aquela vida pasada con experiencias espirituais moi profundas e intensas, que moldearon a súa vida posterior. Non coñezo o obxectivo espiritual de por que se escolleu aquel síntoma para representarse nesta vida, mais certamente era importante para a súa evolución espiritual na súa vida ordinaria.–

Dawn: –Same Soul, Many Bodies (Moitos corpos, unha mesma alma) é unha obra maxistral sobre como utilizar exemplos das vidas pasadas e futuras dos seus pacientes para ensinar as leccións de vida, como a compaixón, as relacións, a meditación, a espiritualidade e o amor. Que lle inspirou para expor o libro desta forma e ir alén dun informe de vidas pasadas e futuras, que xa son interesantes por si soas?–

Brian: –Creo que estou sempre escribindo a distintos niveis e parte disto é tamén para min. Encántame partillar as historias dos meus pacientes porque é tan fascinante que a xente teña estas experiencias, tanto se son individuales como en grupo. Vitoria en realidade estaba nun grupo, e máis tarde fixemos unha sesión individual. Escribo sobre un propósito maior porque non se trata só de sanar síntomas, e non se trata só de vidas pasadas e vidas futuras. Trátase tamén de energía espiritual e o propósito da vida e de por que estamos aquí. Creo que estas son preguntas que a xente se estivo facendo, preguntando, especulando sobre elas durante miles de anos, e todo o que eu poida facer para axudar ao crecemento espiritual da xente, ou para comprendela ou axudala a saír adiante, vouno escribir, especialmente se isto vén dos meus pacientes porque iso forma parte do caso, non se trata só dos recordos de vidas pasadas, tamén se están a lembrar vidas futuras ou tempos entre vidas, ou dimensións espirituais. Creo que todos estes elementos son moi importantes e nunca sei a que se referirá o lector. Pode ser unha cousa dun caso no que pensei: «Ben, quizá isto non sexa tan importante, pero igualmente vouno mencionar porque sucedeu», e daquela alguén quizá conecte con ese punto e sirva de axuda. Así en realidade é o mesmo tipo de resposta que para a dor de costas de Vitoria: eu non sei exactamente nese momento a razón pola cal iso pode ser importante para unha persoa e non tanto para outra, así que o menciono porque quero que a xente teña todas as oportunidades posibles de conectar cunha información particular ou unha reflexión. Quizá sexa algo que soñaron e que estivesen a considerar e isto simplemente serve para confirmalo. Por todas estas razóns tento ser o máis completo posible.–

Dawn: –De todo o que escribiu, e o filtro utilizado para explicar o que vostede e outros viron nas súas vidas pasadas e futuras, canto está baseado no que lle ensinaron na adolescencia? Por exemplo, ensináronlle que estamos aquí para aprender e logo «diplomarse» a niveis máis altos que poidan finalmente conducir á inmortalidade?–

Brian: –Non, creo que a maior parte diso remóntase cara ao 1980 ou 1981, a partir de Catherine e máis adiante. Moito menos está relacionado co que me ensinaron antes. O que me ensinaron antes foi importante como unha especie de base, no modo de ver as cousas, e certamente o que me ensinaron no método científico, de observar e desenvolver hipóteses, testalas, ter unha mente aberta, iso é moi importante. Canto ás leccións espirituais, a maior parte veñen do meu traballo experimental, empezando con Catherine.–

Dawn: –Cre que hai mundos dentrou do noso mundo dos cales non sexan conscientes a maior parte dos humanos?–

Brian: –Absolutamente. Existe unha infinidade de mundos, e isto é o que están a mostrar agora a física e a cosmología modernas. Somos todos enerxía e todos nos interpenetramos e é por iso que se poden ter visitas espirituais, e cousas así. Este mundo físico é un de moitos, moitos mundos. Ás veces a xente fará unha obxección intelectual á reencarnación, ou ás vidas pasadas, ou ás vidas futuras, por exemplo, ou ao número de almas. O número de almas no planeta é moito maior do que xamais foi. De onde veñen todas as almas? A resposta é de todos esoutros mundos e dimensións. Este non é o único sitio onde hai almas. Ou quizá as almas poden dividirse e teren experiencias simultáneas. Así pois, si, creo que hai unha infinidade de dimensións e mundos e niveis de conciencia.–

Dawn: –Realmente teño gozado lendo a historia da persoa que iniciou a súa regresión a unha vida pasada sobre outro planeta. Foi interesante para vostede atopar probas de que podemos ter experiencias futuras de xente que vén aquí doutros planetas?–

Brian: –Iso foi interesante para min porque tén sentido. Este non é o único, outros falaron tamén disto: que houbo migracións desde outros planetas. Isto naturalmente ocorreu hai demasiado tempo para termos probas. Ocasionalmente podemos validar vidas pasadas porque a xente se encontra alí, encontra nomes ou outra información identificativa, ou atopa os fillos dunha vida pasada, pero encontrar algo realmente antigo: unha migración doutras galaxias ou sistemas estelares, isto nin sequera é doutras dimensións, é da mesma dimensión, do mesmo universo. É moi, moi interesante. Certamente axudou unha chea a aquela persoa, Patrick. Recordo hai anos un taller co Doutor John Mack, da Universidade de Harvard. Fixemos este taller en Boston. El estivera estudando os Ovnis, algo co que eu tiña moi pouca experiencia. Estaba a traballar coa hipnose para levar a xente de regreso á súa experiencia de abdución. Ás veces non atopaba ningunha abdución, mais si vidas pasadas. Así que me convidou a falar no seu simposio e eu fun e paseino en grande falando do tema. E encontraba eses casos en que a xente dicía: «si, estamos aquí desde outras partes.» Creo que probablemente somos todos estraños. As nosas almas non teñen idade, de maneira que vivimos noutras dimensións e outras galaxias e noutros mundos. Non empezamos a nosa andaina na terra.–

Dawn: –Lembraba Patrick algo desa información? Por exemplo, Onde enterrara os rolos? O que a ciencia moderna ten descuberto serviulle para recoñecer que atoparan o que el enterrara? Mostrou interese por pescudalo?–

Brian: –Non, aínda non, creo que era demasiado vago. Ocorreron tantas cousas neses anos (60.000 anos)… As liñas de costa cambiaron. Lugares que estaban por encima do nivel do mar agora están por debaixo. Non había suficiente información específica. El sabe que serán descubertos nalgún momento. O importante para el era a información, a sabedoría que alcanzou, non os lugares específicos onde ese coñecemento volverá ser descuberto, porque non o será até que non chegue o momento xusto. Teño a sensación de que estas cousas non son coincidencias. Cando esteamos listos para iso será descuberto, mais mentres a xente siga facendo armas de calquera cousa, non creo que esteamos preparados.–

Dawn: –Hai algo do que vostede estaba seguro que non existía antes de facer este traballo, mais do que está agora convencido grazas ao seu traballo?–

Brian: –A vida despois da morte. Non estaba seguro diso pero agora estou convencido que existe. Creo que esa é a cousa máis grande para min.–

Dawn: –O meu marido sempre me pregunta por que todos lembran vidas pasadas en que foron famosos. Por que ninguén lembra vidas pasadas en que foi un corredor de seguros en Ohio?–

Brian: –Ben, si o fan. En realidade iso é un mito. É moi raro encontrar xente famosa. E ás veces iso son só fantasías ou proxeccións. Mais cando estás a facer regresións seriamente, a un nivel máis profundo, non atopas iso. É un mito que foran persoas famosas. Atopas principalmente escravos, servos, este tipo de xente.–

Dawn: –Eu fixen unha terapia de regresión a unha vida pasada en grupo e lembrei unha vida pasada en que era famosa, era un príncipe en Londres. Recoñecín a xente da miña vida actual que estaba naquela vida.–

Brian: –Iso pode ser certo. Todos fomos ricos, pobres, príncipes. Xente que foi Juana de Arco hai unha vintena delas, mais non sei como se fixeron esas regresións. Eu non encontrei nunca ningunha, e fixen este traballo con centos de miles de persoas. Tiven xente pertencente á realeza, ou que era moi rica, mais nunha cantidade que se poda imaxinar. O ser un príncipe, ou ser rico, nese caso non é o que entendo por xente famosa: aqueles que cando dis o nome todo o mundo os coñece, iso é raro. Ás veces trátase dunha proxección. Tiña un home que pensaba ser Napoleón. Estabamos a facer unha regresión e encontrámolo no exército francés, naquela época, co uniforme, e describindo a estratexia da batalla. Describiu os inimigos, as cores dos uniformes. Era todo exacto, porén cando ollamos mellor vimos que fora un cabo no exército de Napoleón. Estaba alí, podía ver a Napoleón, mais certamente non era el. Nesta vida precisaba máis poder e distorsionara un pouco a imaxe na súa mente. Non obstante cando fixo o traballo profundo, intensivo, estaba perto, estaba alí. Así, atopar un soldado non é raro, atopar a Napoleón si o é. Ás veces hai distorsións porque todo o que aflora na mente pódese distorsionar. Eu podo pedirlle que me describa a festa de cando cumpriu 10 anos, ou 15 anos, e terá un 98% correcto. Porén unha pequena parte poderá estar distorsionada, como «Ese ano fixémola no recinto de patinaxe, non na pista de birlos. Iso foi no meu onceavo aniversario.» Ou algo polo estilo. Mais non quere dicir que o recordo non sexa correcto.–

Lean as miñas reseñas de dous libros de Brian:

Many Lives, Many Masters (Moitas Vidas, Moitos Mestres).

Same Soul, Many Bodies (Moitos Corpos, unha Mesma Alma).

Dawn Light con Brian Weiss.Dawn Light (Luz da Alba). Martes, 25 de Decembro de 2007.

Antiga ligazón orixinal:

http://www.dawnofanewday.com/books/brian-weiss-interview-author/

Nova ligazón en Web Archive:

https://web.archive.org/web/20151008015904/http://dawnofanewday.com/books/brian-weiss-interview-author/