Testemuño de Orfeo. Terapia de posesión espiritual. Gl

Testemuño de Orfeo. Terapia de posesión espiritual.

Doctor José Luís Cabouli. Terapia de la Posesión Espiritual. Técnica y práctica clínica (Doutor José Luis Cabouli. Terapia de posesión espiritual. Técnica e práctica clínica.). ISBN: 9789507543807. Editorial Continente (http://www.edicontinente.com.ar). Formato: 230 x 155 x 25 mm (Rústica con solapa). Páginas: 360. Publicación: 18/09/2012.O paciente que aquí toma o nome de Orfeo saíu dunha sesión onde superou un pacto coa escuridade dunha vida anterior. Na sesión presente o terapeuta detecta a presenza de diferentes entidades desencarnadas que entraron dentro do paciente, aproveitando o seu estado anterior. O terapeuta dialoga con cada unha destas entidades que se manifestan utilizando a voz e as cordas vocais de Orfeo, axudándoas a atopar o camiño da Luz. Deste xeito, liberan o seu hóspede de trastornos e poden volver retomar o ciclo de encarnacións sucesivas.


Testemuño de Orfeo.

Orfeo (42 anos), é profesor de ioga, osteópata e psicoterapeuta. Xunto coa súa muller dirixe un centro onde traballan con distintas técnicas vinculadas co crecemento persoal. Orfeo participaba, do mesmo xeito que Loli, no segundo curso de formación en España cando, nunha das sesións de práctica, mentres Orfeo traballaba como paciente, manifestáronse a través del varias entidades á vez. A situación foi moi difícil de conducir para o terapeuta de quenda, quen recentemente se iniciaba no seu traballo coas almas perdidas. O doutor Juan José López Martínez, quen estaba a supervisar o traballo, tomou entón a condución da sesión e levou Orfeo a romper un pacto coa Escuridade que este realizara nunha vida anterior. A sesión concluíu despois de romper o pacto, con Orfeo demasiado esgotado para seguir adiante.

Despois desta sesión Orfeo ficou cunha estraña sensación: sentíase fragmentado. Non era para menos, de súpeto fíxose consciente da presenza de varias vontades á vez na súa conciencia e estaba realmente desorientado. Ao mesmo tempo, comezaba a intuír a orixe das dificultades que tiña para desenvolverse no campo espiritual. Á mañá seguinte, a sensación de fragmentación persistía en Orfeo. Bastaba miralo aos ollos para darse conta de que non estaba completamente presente no aquí e agora. De modo que comezamos a traballar a partir desta sensación de fragmentación. Presten moita atención porque aquí van manifestarse varias entidades, unha tras outra, e haberá momentos en que non se sabe quen é quen.

Martes, 7 de Outubro de 2003.

Terapeuta:Moi ben, Orfeo, como é esta sensación de fragmentación?

Orfeo: –Cústame explicalo agora. É unha sensación de diminución da forza de vontade, é seguir un discurso que non me pertence –falando coa voz entrecortada e con dificultade–. Hai unha sensación dun cabreo inmenso, brutal. Hai alguén que está moi enfadado, alguén e algúns máis; non obstante hai un que ten máis forza que os outros. O que necesito, e ata aquí falo eu, é simplificar a experiencia. Non podo con todos á vez, só podo con un…

Moi ben, entón vas pedirlle axuda ao Arcanxo Miguel para que te asista e te acompañe nesta experiencia.

–Arcanxo Miguel, pídoche que me asistas e me acompañes para facer este traballo.

Terapeuta:Agora pídoche que teñas confianza. Non importa o que sexa, todo sairá ben. Non interfiras co traballo, non loites, non gastes a túa enerxía. Contarei ata tres e, ao chegar a tres, permitirás que esta enerxía, ou quen queira que sexa que estea encabuxado, poida manifestarse libremente. Eu vouno escoitar Un… dous… tres. Adiante, agora podes manifestarte libremente, eu non son quen para xulgar nin para criticar.

Alma perdida: –Pffff! –resoplando–. Iso é o que dis, mais tesme que demostrar que é verdade que non me vas xulgar.

Seica algunha vez xulguei alguén?

–A min impórtame unha merda o que dixeras aquí ou antes de aquí.

Eu só sei que cada un ten a súa dor e estou aquí para axudar a sanar esa dor. Cada un ten algo de que arrepentirse ou de que avergoñarse, de modo que non estou aquí para xulgar. Cóntame que pasou contigo…

–Son negro!

Imaxínome que debes de sufrir moito pola condición da túa pel.

–Non é pola pel –murmurando–. Son plumas negras, negras como as do corvo, pero sucias.

Que pasa para que esteas enfadado? Hai algo que Orfeo che fixo?

–Orfeo é un desgraciado –resoplando.

E que fixeches ti con este pobre home?

–Eu, agonizo. Despois de onte, agonizo. (Refírese á sesión na que se manifestaron varias entidades á vez. A pesar do malestar de Orfeo o traballo realizado produciu efecto.)

E que pasou onte?

–Só sei que despois de onte, agonizo. Mellor morrer que seguir aguantando.

Onde estás cando estás a agonizar? Que lle pasou ao teu corpo?

–Non sei, estou moi confundido. Non sei se teño corpo, se non teño corpo, se tiven corpo algunha vez –respirando con dificultade, coma se lle faltase o aire.

Eu voute axudar porque esta sensación de agonía pertence ao corpo que tiñas antes de estares aquí. Lembras o teu nome?

–Só me vén… Beatriz.

Terapeuta:Moi ben, Beatriz. Vou contar ata tres e irás ao momento cando aínda estabas nun corpo. E veremos que lle pasou ao corpo que tiñas. Un… dous… tres. Fíxate que é o que lle está pasando ao teu corpo?

Beatriz: (Primeiro comeza a tusir e logo chora ao mesmo tempo que se afoga.)

Iso é, deixa saír a dor: Cóntame que está a pasar. Que lle pasou ao teu corpo?

–Teño pena –chorando aínda– Teño pena dunha separación.

E de quen te separas?

–Duns nenos… Un tío afógame e tírame ao río.

E quen é o tío que te afoga?

–Un home.

E que cousa leva a este home a facerche isto?

–Poder, desexo sexual, desprezo. Non ten valor divino, só a súa animalidade, a súa sexualidade.

Agora fíxate que ao morrer ese corpo, xa non hai necesidade de ficar alí. Hai unha luz que te está agardando e vénte buscar para aliviar a túa mágoa e a túa dor.

–Non me veñas con caralladas.

Fíxate ben; ese corpo está morto, afogado aí, no río e agora estás a falar comigo porque che emprestaron este corpo para que poidas facelo. Ti es máis que o corpo. Ti non morrerás nunca e volverás encontrarte con eses nenos.

–Pois que pena non morrer. Non podo soportalo; non podo soportar o odio, a tristeza, a raiba, non podo vivir así. Vou ter que vivir eternamente así, é unha condena –con desesperación– É unha condena! Non mo podo sacar.

Entón vaslle dicir a ese home o que non lle puideches dicir nese momento. Tés que sacar iso de ti, tes que dicirlle o que non puideches dicirlle. Deixa saír a raiba

(Beatriz comeza a chorar desconsoladamente mentres o corpo de Orfeo sacódese en espasmos.)

Terapeuta:Iso é. Canto fai que non recibes unha caricia, unha mostra de amor? Eu vou apoiar a miña man sobre a túa para que sintas a calor e o amor: (Apoio a miña man sobre o peito de Orfeo e Beatriz-Orfeo, suxeita a miña man coas súas comezando a serenarse.) A Luz é amor e eu vou pedirlle a Deus que a Virxe María veña envolverte no seu manto. «Humildemente, Señor, pedímosche neste día que fagas chegar o teu infinito amor e a túa luz a Beatriz. Apiádate da súa dor e envía a túa doce Nai para que veña recollela. Doce Nai, no teu infinito amor pedímosche que veñas recoller a alma de Beatriz.» Aquí veñen buscarte. O amor sanará as túas feridas e as túas mágoas e volverás encontrarte cos teus nenos. Só tes que entrar na Luz e encontrarás a paz e o acougo que necesitas para sanar as túas feridas.

Alma perdida II: –Estou atrapado… estamos atrapados todos… –mudando o ton de voz.

Moi ben, quen está a falar agora? Quen es?

–Non sei, non sei quen son.

Cantos máis hai contigo?

–Uns cantos.

E onde están atrapados?

–É unha malla escura, chea de cadáveres, todos calcinados. Estamos onde están os indesexables, os caídos, os despreciables, os impuros, os impresentables.

Non teñen por que estar aí, é un erro estar aí. Alguén os convenceu para estaren aí, alguén os enganou e aprisionáronos. Vou contar ata tres e lembrarás como foi que os atraparon. Un… dous… tres. Como foi que os prenderon? Quen o fixo?

–Non me deixa falar.

Quen non che deixa falar?

–Un; dime «cabrón, non digas nada». (É frecuente atopar a unha entidade dominando o resto.)

Non teñas medo, agora podes falar. Como foi que vos atraparon?

–A inxenuidade.

Que cousa vos atraeu?

–A distinción, os elixidos, a enerxía, o poder, o diñeiro, o control sobre os demais. A especialidade, ser especiais.

Que vos prometeron?

–Todo iso.

E que é o que vostedes deron a cambio?

–Atracción, enerxía, diñeiro, traballo, disciplina.

Moi ben, agora poden liberarse de todo iso. Non importa que os atraparan, que os enganaran. Xa pasaron por esa proba. Ti e quen están contigo…

–Pero ti non sabes quen é ese.

Queres dicirme quen é ese?

–Damon!

Non importa quen sexa. Todos vostedes son fillos da Luz, só que lles roubaron a súa luz. Fíxate no teu interior e encontrarás esa pequena faísca; nalgún lugar aínda está esa pequena faísca.

–Aquí! –tocándose o peito.

Iso é. Ti e todos os que están contigo sodes fillos da Luz.

–Son os meus amigos e están todos alí, todos, todos –con ton de desesperación.

Si, e vanse liberar, vanse ir á Luz, agora mesmo. Só tés que pedirlle axuda á Luz. Pide perdón á Luz por deixarte aprisionar, por deixarte enganar, por crer que había cousas máis importantes.

–É que non aprendo, non aprendo. Sempre caio no mesmo, sempre repito a mesma historia, siempre vendo a miña alma ao diaño –chorando.

Esta vez vas terminar con esta historia, esta vez voltarás á Luz. Pídelle perdón á Luz. «Pedimos perdón por sermos inxenuos, por deixármonos atrapar».

–Pídoche perdón no meu nome e no de todos os meus compañeiros por sermos inxenuos, por deixármonos atrapar. Axúdanos a cortar con todo isto. Hai séculos que vimos facendo o mesmo –chorando–. Miles de anos facendo o mesmo, equivocando o camiño, sempre equivocando o camiño. Que infelices!

«Arcanxo Miguel, ven liberarnos».

–Pero el non me vai querer –chorando desconsoladamente.

Eu voulle pedir ao Arcanxo Miguel por ti. «Arcanxo Miguel, humildemente pídoche que veñas axudar estes seres que se perderon na Escuridade. Pedímoscho en nome de Deus para que poidan recuperar a súa condición de fillos da Luz». Aí vén o Arcanxo. Vas tomar a espada de San Miguel e vaste liberar ti mesmo e liberarás os teus compañeiros.

–Non teño forzas –chorando aínda.

Eu voute axudar. Vas dicir comigo «Arcanxo Miguel, empréstame a túa espada para liberármonos». Vamos que podes! Eu vou soster o teu brazo, toma a espada. Vamos, que podes facelo! Repite comigo: «No nome de Deus…

–No nome de Deus… –tatexando apenas as palabras.

…e polo poder do Arcanxo Miguel…

–…e polo poder do Arcanxo Miguel…

Eu libérome e recupero a miña enerxía…

–Eu libérome e recupero a miña enerxía… –continúa chorando.

Recupero a miña liberdade e recupero a miña luz.»

–…recupero a miña liberdade e recupero a miña luz –agora con voz máis firme.

Iso é, repite outra vez.

–No nome de Deus e polo poder que me outorga o Arcanxo San Miguel recupero a miña enerxía e recupero a miña luz e libero os meus compañeiros, a miña muller e os meu fillos.

Iso é, moi ben. Outra vez, máis forte.

–No nome de Deus e coa espada de San Miguel recupero a miña luz e corto con toda esta merda e libérome eu mesmo, libero os meus compañeiros, a miña muller e os meus dous fillos. (Aquí sospeitei que o que estaba a falar agora era Orfeo, con todo optei por seguir adiante para non interromper o traballo.)

Iso é, agora rompe as cadeas coa espada. Vamos, conta ata tres e vas romper as cadeas que te atan coa espada de San Miguel. Un… dous… tres. Agora! Veña! Rompe con iso! Vamos!

–Ah! Ah! –chorando e tatabexando –. Ai! Ai! Ai!

Vamos que podes, vamos que chega a Luz, veña que entra a Luz!

–Non podo! Non podo! Síntome impotente.

Si que podes, vamos que eu che axudo. Á unha, aí vamos (teño que soster o seu brazo porque apenas o pode levantar), ás dúas… e ás… tres!

–Ahhh! (Finalmente fai o xesto de cortar coa espada e queda ampeando e tosendo algúns minutos.)

Agora tés que esixir que che devolvan a túa enerxía.

–Ai! Dille que espere! Dille que espere! Non sei nada! –ampeando e con desesperación.

Tranquilo, eu estou ao teu lado. Dime quen está aí.

–É un punto, un punto de luz na escuridade. A luz que separa o que é bo do que é malo –segue a chorar–. Que non entre nada, eu non sei nada!

Só tés que pedir a Luz. O Arcanxo Miguel está aquí e vaite axudar.

–Eu quero a Luz! Quero a Luz. –acougando aos poucos.

Iso é, todo vai estar ben. Abre os ollos á Luz e reclama a túa enerxía. A eses que te enganaron, que te atraparon, que te seduciron, vaslles dicir «Quero a miña enerxía agora, quero que me devolvan a enerxía que me roubaron».

–Quero a miña vontade… quero o control do meu corpo… –coa voz entrecortada– Non quero sufrir máis… por séculos… non me ides atrapar nunca máis non me vou confundir máis… non me vou deixar seducir nunca máis Non teño criterio para nada! –volve chorar.

É parte da aprendizaxe. Aprenderás dos teus erros, sabes que isto non foi bo.

–E ti, como sei que es bo? Que non me enganas, outro máis que me engaña?

Fíxate, que gaño eu con isto, eu non gaño nada.

–Eu que sei que gañas ti! Eu que sei! Ti dis que estás de parte da Luz e a min que carallo me importa se es da Luz nin nada; eu estou separado disto e non sei onde estou nin que carallo fago aquí nin para que viñen aquí –continúa chorando–. Estou ata o carallo de todo isto! Si, tranquilo, tranquilo ti. (A desesperación é tanta que por momentos o seu discurso é inintelixible.)

Quen está a falar agora? Quen es ti? (Agora si, era o momento de aclararmos as cousas.)

–Eu son Orfeo, cona! Un máis na néboa.

Terapeuta:E dime unha cousa, estás ben nesa néboa, estás ben nesa escuridade?

Orfeo: –Non estou ben en ningún lado! Non estamos ben ningún! –chorando e arfando.

Moi ben, agora quero que me escoites atentamente…

–Pois claro, a todos os escoito atentamente.

Estás aquí para integrareste e para integrares a túa enerxía. Eu non vou tomar nada de ti.

–Si, iso é o que me din todos. Cada un vende o seu.

Iso é parte da túa aprendizaxe; aprenderes a discernir e a non deixarte atrapar porque es facilmente seducido pola vaidade e polas túas debilidades. Se confiases en ti mesmo e tiveses conciencia da túa esencia non che pasaría isto. Ti es un fillo da Luz…

–Iso si é verdade, mais estou cheo de merda e a Luz esqueceume.

Non, a Luz non te esqueceu. Ti esquecécheste da Luz, ti separácheste da Luz. A Luz está sempre e podes vela agora.

–Non! Non a vexo, non a vexo. Non sei que cona é, eu non a quero ver ou alguén non a quere ver. Non a vexo, está aí e eu estou afastado dela e así estou sempre, perdido como unha merda.

A Luz vaite recibir.

–Si, iso espero, carallo, que algún día me reciba ou que algún día eu sexa capaz de facer o que teña que facer para verme con ela porque eu non podo estar tan orfo. Estou orfo, orfo! –chorando.

É a túa vergoña o que te arreda da Luz. Dille á Luz: «si, realmente me equivoquei, enchinme de porcallada, enchinme de merda».

–Pois, si. Equivoqueime e enchinme de merda e de porcallada…

Mais agora quérome limpar.

–Mais, quen se quere limpar de todos os que hai aí? Se somos unha chea… Quen é un e quen son os outros? (Vexan que dilema! Como facer para non caer na tolemia?) Non sei, non sei, non sei. Que sei eu, porque todos somos un ou estamos mesturados, todos… –atragoándose co pranto–. Agora vexo o corpo que non tén nome, non sei, non sei. A cousa máis sólida que hai é este corpo que non sei quen anima este corpo, cantos son os que están neste corpo. Non sei.

Esa é a consecuencia de permitires que outros entrasen no teu corpo, de terte fragmentado. Agora vas aprender a coidar do teu corpo, porque o corpo é o templo da túa alma.

–E eu quen son de todos estes? Quen?

Agora valo saber, es un máis ou es Orfeo? Es un dos outros ou es Orfeo?

–Orfeo é a última merda de todos, o último da fila, o último de…

Moi ben e quen está a falar agora?

–Empeza con ese.

Quen é ese?

–Ese, a vocal e a letra ese.

E quen é ese cuxo nome empeza con ese.

–Sixto.

Terapeuta:Moi ben, Sixto. Xa sabes todo o que está a pasar, estás disposto a ir cara á Luz? Permitirás que te axude regresar á Luz?

Sixto: –Claro, mais vas ter moito traballo, tío, porque isto está moi liado para ir á Luz. Hai que pasar moito, moito.

Non hai que pasar nada, todo é moi fácil. Unha vez que te decidas é só un instante. Non é tan difícil como parece, para iso estou aquí, para axudarte a ti e a todos os que están alí. Para que se faga a luz, para que cada un poida tomar o seu camiño. Así como están, todos amontoados como nunha bolsa de gatos, ninguén sabe quen é quen.

–Ninguén sabe nada, estamos castigados e encabuxados.

Cantos son os que están contigo, Sixto?

–Uns cantos… É un cinema, un cinema enteiro. Só se lles ven os ollos na escuridade, brillan os ollos… é todo escuro… é un cinema. Centos de ollos, eu non son máis que un, eu son o portavoz.

Moi ben, imos comezar contigo. Ti podes ir á Luz.

–Eu? E os outros?

Queres levalos contigo?

–É que teño a sensación de que… non sei, aínda que me embauques algo teremos que facer.

Eu non te vou embaucar, voute axudar a que ti vexas a Luz.

–Si, a ver se é verdade porque eu só… estou escuro.

Moi ben, eu vou pedir por ti. «Humildemente, Señor, neste día…

–Mais, ti cres que eu poderei ver a Luz?

Claro que si, olla no teu interior: Se ti viñeches da Luz… Vou pedirlle a Deus para que te axude. «Humildemente, Señor, pídoche que abras as portas do teu reino para recibires Sixto e os seus compañeiros. Señor; na túa infinita misericordia pedímosche que envíes o teu raio de luz para que Sixto e os seus compañeiros poidan regresar a casa. Señor, envía os teus anxos protectores para que veñan buscalos. Perdoa os seus erros. Lembra que son os teus fillos e que aínda están a aprender…»

–Iso, estamos a aprender.

…Ás veces equivócanse como nos equivocamos todos…

–Iso, eu repito o mesmo curso sempre.

Xa o vas aprobar: Aquí chega a Luz, hai un lugar para ti, alí na Luz. Alí recibirante con amor e agarimo, daraste un baño de luz, ficarás como novo e volverás comezar. E a próxima vez todo irá mellor, confía en ti mesmo.

–Non me queda outra… Agora isto xa é gris, pero vas ter que empurrar máis e vas ter que pedir máis porque aquí hai traballo. Oe! Non me soltes agora! (Desde que suxeitou a miña man con Beatriz que non me solta.)

Non te solto, eu estou aquí, ao teu lado. Eu acompáñote ata que esteas dentro da Luz, eu estou aquí contigo.

–E con todos porque a esta altura isto é unha manifestación. Están todos acolloados, Non nos soltes agora!

«Señor; recíbeos na Luz, humildemente pregámoscho. Gran Deus do Universo, Creador do ceo e da terra, Pai de todo o creado, santificado sexa o teu Nome en todo o Universo, perdoa, Señor, a nosa maldade, líbranos de todo mal.

–É a ignorancia, perdoade a ignorancia. Séculos… séculos…

Deus Pai sabe iso, por iso nos envía á escola para que aprendamos. Todo se vai aclarar para ti e para os teus compañeiros. Todos terán unha nova oportunidade.

–Hai un que fica. Oe, dille a ese que veña.

Chámao, como se chama ese que queda?

–Humbert.

Terapeuta:Vamos, Humbert. Non teñas medo, ninguén che vai dicir nada. Deus sabe das nosas debilidades e sabe que nos equivocamos. Deus é amor e compaixón, ninguén vos vai reñer. Deus sofre cando nós sufrimos.Vamos, Humbert, ti tamén.

Humbert: –É que estou enfadado con Deus. Como vai sufrir? Se todo o fai farto, que carallo vai sufrir? Todo isto é un conto, por que?, non entendo –primeiro enfadado e agora chorando–, A xente mátase e os nenos sofren… Cona! Carallo! Por que permite todo isto? Non me creo nada, non me creo nada! Non vou crer nada! Non pode ser tanto sufrimento e El o ve desde arriba… e somos os seus fillos e… vaia pai de merda! E creounos e anda!, eu que sei.. Non entendo nada… Non podo entender por que sufrimos todos. Pois non o podo entender, non o podo entender! –chorando–. Non entendo o sufrimento, non podo comprendelo. Non podo nin coa miña dor nin coa dor dos outros! Non podo!!! Non podo entender nada. Que mo explique! Non entendo o sufrimento dos homes, das mulleres, dos nenos, dos animais e das plantas. Non podo! Non podo! Non podo entendelo! E… agora a Luz… Non me fodas! Explícamo! Mais convénceme! Non entendo por que nos fixo estar así e por que sofren os nenos e por que… Aiiiii!

Veña, tranquilo, Humbert, eu vouche explicar na medida que poida, co meu coñecemento, ata onde eu poida explicarche. Agora eu fágoche unha pregunta, quen provoca este sufrimento? É Deus ou é o home? Quen provoca as guerras?

–Mais, por que fixo o home así?

Deus non fixo o home así. Deus creou a alma dos homes. É a alma o que é a semellanza de Deus, mais ao encarnar nun corpo a alma esquécese da súa condición divina.

–Mais o corpo tamén o fixo Deus, ou non?

O corpo pertence á materia, mais na realidade, todo é Deus. O que pasa é que somos tan ignorantes que nos esquecemos diso, non hai nada que non sexa Deus.

–Vamos, xa que nos fixo poderíanos facer máis listos, non? Con máis información…

Si, talvez. Porén é o home o que se esquece. Deus creou o home e deulle o libre albedrío para que aprendese e decidise en por si ata entender que é parte de Deus. Non obstante o home esqueceuse da súa orixe porque caeu na tentación e porque gusta do poder, porque gusta de someter os seus irmáns, e porque nunca está conforme con nada. É o home o que discrimina pola cor; é o home o que mata. Non é culpa de Deus, é o home o que ocasiona o sufrimento.

–E as almas escuras? Tamén son homes?

Son individuos que entregaron a súa vontade á Escuridade e as súas almas tamén poden ser redimidas polo amor e pola Luz. É o mesmo home que se deixa atrapar pola sedución da escuridade. Non te enfades con Deus, enfádate co home.

–Está ben.

Ti tés unha oportunidade para saíres de todo iso. Agora tés a oportunidade de alcanzar a Luz, de encherte do amor de Deus e de axudar os homes a espertar á súa verdadeira condición. É duro, é difícil, mais todos traballamos para iso, para traer luz á conciencia desta humanidade. Comprendes?

–Espero que non se me esqueza, teño moi mala memoria.

Non importa, repasarás esta lección unha e outra vez.

–É que eu quero ir descansar. É que se non descanso de tanto sufrimento non vou poder facer nada por ninguén. Son un desastre…

Non digas máis iso.

–Ben, fun un desastre.

Agora vas descansar, os anxos vante acompañar e vante axudar a desprenderte das impurezas. Descansarás e vante preparar para o momento en que esteas listo para volver traballar.

–Xa se van indo… abriron a porta do ceo. Van saíndo ordenadamente…

Iso é, «Señor, non te esquezas do Humbert. Envía o seu anxo protector para que veña buscalo. Humildemente pedímoscho, Señor. Envía o anxo designado para recoller o Humbert e levalo de regreso á Luz.» Aí veñen procurarte, Humbert. Tranquilo que todo vai saír ben.

–Oe! E de Orfeo, que? Que lle vai pasar a Orfeo?

Orfeo estará ben, el tamén ten moito que aprender aínda. Orfeo ten que aprender a coidar o seu corpo, a coidar o seu campo vibratorio, a súa conduta. Este foi o seu traballo e a partir de agora verá con máis claridade.

–É que agora cústame deixalo.

Entendo, queres dicirlle algo a Orfeo?

–Oe, tío –dirixíndose a Orfeo–, que ti non es mal home. Que va! Agora vou levar toda esta xente. Escuita, tío, que me vou, mais… que me vou de verdade, eh? –ampeando–. Escuita unha cousa, non te esquezas de xogares cos nenos. Oe, lévaos a escalar que lles gusta. Escuita –falando nun murmurio–, Orfeo, Orfeo, non sexas imbécil que o tes todo fácil. Hai tempo que se cadraron as cousas. Non teñas medo, carallo! Deixa de queixarte. Escuita, fíxate o que che digo, que vou baixar outra vez se o fas mal, porque xa estou ata os collóns de estar aí. Pide perdón á túa irmá, trae a concordia á túa familia. Sé honesto e… iso da orixe, lémbrao cada día, a ver se agora o do ioga éche máis fácil. Escuita, que cando veña un cliente, pensa na súa alma. Pide axuda, carallo, que ti non fas nada, cona. Oe, que che envío un e-mail de como é Deus. Escuita, que me desprendo, eh? Oe, coida a túa muller. Oe, que me levo o Evaristo. «Evaristo, carallo, Evaristo, sal de aí, sal de aí e deixa de putear esa muller.» A ti, Orfeo, fódente coa dor, mais non poden contigo porque es máis duro que unha pedra, mais a esa muller putéana moito. «Escuita, Evaristo, sóltaa e dille ao Cabouli que lle diga a ese que se vaia tamén. Dille a ese que se vaia tamén… –con desesperación.

Moi ben, vamos, Evaristo, ti tamén, Evaristo, vamos, vaite con Humbert, vamos, que xa te descubriron, Evaristo. Iso é, pedra libre, Evaristo. Vamos á Luz, vamos que aí vén un anxiño para ti tamén.

–Oe… limpa… oe, como me chamaba? Oe, que xa non sei nin como me chamaba… non, Orfeo non, o outro, como era?, Humbert. Oe, que xa non teño forzas para nada, arríncao, o Evaristo…

Vamos, Evaristo, iso é… tranquilo, iso é.

–Ahhh! –serenándose e calando de improviso.

Terapeuta: Iso é, que Deus te bendiga e a ti tamén, Evaristo. «Humildemente, Señor, pedímosche tamén que envíes os teus anxos protectores para que veñan levar o Evaristo.» Iso é, neste día, pola graza de Deus, vanse todos á Luz deixando libre e en paz a Orfeo para que poida comezar unha nova vida…

Orfeo: –Oe, Cabouli…

Quen está a falar?

–Son o que queda de Orfeo… É que estou moi tenro, son moi duro e moi tenro. Que aínda non estou pechado. Dille a ese que é o que manda…

Que queres que lle diga?

–Foder! Que non estea serio comigo e que me apoie, carallo. Que lle vou pedir axuda como ti dis, porque isto é unha lea. Que me apoie e que… e que…

-Moi ben, vaslle pedir agora mesmo e eu voute axudar. Vas repetir comigo, «Humildemente, Señor, recoñezo que me equivoquei…

–Recoñezo que levo séculos equivocándome…

Fun moi inxenuo e crin cousas que non eran certas…

–E crin que podía ser coma ti e que podía competir contigo, incluso ser máis poderoso ca ti…Síntoo se me volvo equivocar.

Agora décatome que estaba equivocado…

–Si, pero non me pidas tanto porque isto é unha economía fatal.

Por iso tés que rezar e pedir: non me deixes caer na tentación.

–Iso, esa parte, perdóame. Oe, Pai Noso que tés que ser un año que ha de vir, espera, como segue? Que me teño que acordar. Pai Noso do ceo…

Espera. Imos facer un máis fácil. «Gran Deus do Universo…

–Foder! Pero iso non me cabe aínda! O que eu necesito é un año, por que non empezamos co año e despois o outro? Primeiro a este de abaixo e despois ao outro, ao máis grande. Vou coller unha enchenta! Olla, mellor envíame un de rango medio co que poida falar. Agora está o que ten luces. Escuita, ti, o da Luz, brilla acotío para min, carallo. Dálles un golpe, pero non nos collóns, que xa mo deron.»

Moi ben, entón pídelle a Xesús. El vaite axudar.

–Ah! Ese, si. vaia! «Oe, Xesús meu e de Leandro (compañeiro de curso), que Leandro lle falou onte a Xesús. Oe, Xesús, que fuches un Deus con forza. Tenme no teu campo, tenme na túa vibración. Tenme na túa vida, Deus. Non me soltes durante unha tempada longa porque eu extravíome. Dáme da túa enerxía para que eu poida refacerme no corpo, no espírito, para que me poida completar. Vou ser todo íntegro, vou borrar o odio, a desidia, a falta de enerxía, a competitividade, a raiba, o medo… Ai, estou a tremer! Non me soltes. Escuita, dille a ese que é o teu Pai que o faga a través de ti porque se vén El a collerme directamente, asústame. Iso da Luz tan forte cégame. Escuita, Cabouli! –asustado–. Que me vai pasar algo nos ollos!

Non che vai pasar nada nos ollos.

–«Escuita, Xesús, que te crucificaron. A min tamén me crucificaron. Escuita, que eu xa sufrín, que non me fagan sufrir máis que xa está bastante co teu. Xesús, que non son tan forte coma ti.» Oe, Cabouli, estou a tremer, hai que facer algo para pechar isto porque é coma se tivese un cráter –ampeando laiando e chorando.

Vouche colocar auga bendita. (Sempre é bo tela a man.)

–Fai o que sexa. Oi, oi, oi! Aquí e aquí, grazas. (Colócolle auga bendita na fronte, sobre as pálpebras pechadas e no seu peito.)

Tranquilo agora. Vas sanar e vas pechar todo isto. Agora elixirás unha cor.

–Espera, de pequeno ensináronme unha oración que esquecín, e que agora acabo de lembrar, que dicía algo así… «Xesusiño da miña vida, ti es neno coma min. Por iso te quero tanto e che dou o meu corazón.» Ai! Mais iso hai que matizalo… porque é que xa non dou nada a ninguén.

Ben, poderías dicir «douche a miña confianza».

–Iso, douche a miña confianza, ábroche o meu corazón. Iso é meu, non é teu. Fai o que teñas que facer para guiarme –serenándose.

Moi ben, agora vas traer un raio de luz azul e vaste envolver nese raio de luz azul…

–É turquesa.

Moi ben, vas absorber o olor azul turquesa coma se respirases a cor azul, levando a cor azul a cada átomo do teu ser; enchendo o teu corazón co azul, os pulmóns, todo o teu ser, coma se te envolveses nunha burbulla de cor azul.

–Espera, que non me chegou a todo o corpo aínda. Estabamos no corazón…

Os pulmóns… os brazos… o abdome… as coxas… os xeonllos… as pernas… os pés.

–Vou parecer un pitufo!

… e cara arriba, o pescozo, a cabeza, os ollos, os ouvidos e o cerebro, envolvendo o teu cerebro coa cor azul. E agora, coma se te envolveses nunha esfera ou nunha burbulla de cor azul. Coma se estiveses dentro desta burbulla de cor azul.

–Que se envolvan todos os outros tamén. Agora teño que facer un compromiso, un xuramento, un pacto.

Nada de pactos.

–Teño que facer un acto de vínculo coa Luz para que a miña alma non se esqueza nunca máis. Teño que unirme á Luz para que non teña medo de expandir a Luz, de falar da Luz, de ser Luz e de transmitila. Que a Luz penetre en min e que eu poida levala a outros. A humildade e o servizo… Como poderei facer iso?

No día a día, non te preocupes por iso.

–Mais eu preciso facer algo agora, preciso crear un vínculo coa Luz.

Ben, poderías facelo así. Eu, Orfeo, pido perdón á Luz e entrégome á Luz. Comprométome…

–Ui! Esa palabra! É que esas palabras xa as dixen antes e aínda non están limpas. Non podo utilizar iso. Podería ser: ábrome?

Utiliza as palabras máis adecuadas para ti.

–Ábrome e ábrome só á Luz, só á verdadeira Luz, só ao Espírito Santo, á Luz…

Á Luz santa e bendita.

–Á Luz santa e bendita para que poida ser un emisario e poida divulgar a mensaxe. Só ao Espírito Santo, só á pomba branca que trae o ramo de oliveira. Vale isto, xa estou ben.

Moi ben e vas terminar dicíndote a ti mesmo, «Eu son Orfeo, eu son eu, profundamente eu e no meu corpo mando eu».

–Eu son Orfeo, eu son eu e no meu corpo, que é este, mando eu.

Iso é, lentamente, ao teu tempo, respirando profundamente, abrirás o ollos e iso fará que regreses aquí á túa conciencia física como Orfeo a este día martes, sete de outubro de dous mil tres.

–Moitas grazas a ti, Cabouli e a todos os que estades aquí. Isto foi unha iniciación –coa voz e o discurso completamente diferentes–. Faltábame un elo que agora teño que coidar, cultivar e facelo medrar. Tiña un elo perdido. Por iso entendo que eu non podía actuar de corazón. Teño unha gran habilidade para facer calquera técnica, mais faltábame corazón e, a pesar do esforzo, non conseguía chegar e sempre sentía unha grandísima desesperación por non poder pór máis corazón e era isto o que me faltaba. Grazas, moitas grazas. Agora síntome enteiro.

***

Como poderían apreciar, o traballo de Orfeo non foi nada fácil de conducir. A experiencia de Orfeo foi dramática e confusa á vez. Houbo momentos en que eu mesmo non sabía quen se estaba manifestando. Xeralmente, isto é bastante claro e un pode guiarse polo timbre de voz. Mais aquí, todo era confuso e tanto Orfeo como as almas perdidas mesturábanse uns cos outros todo o tempo. Agora, pensen vostedes, como é posible manter a cordura e a conciencia do «eu son» nestas circunstancias? A que nivel de alienación pode un chegar nunha situación así? Polo menos manifestáronse cinco vontades diferentes, ademais de Orfeo. Con semellante invasión do subconsciente non é de estrañar que unha persoa perda o sentido da realidade. Esta experiencia de Orfeo é o que podería constituír un exemplo de personalidade múltiple.

A pesar da tremenda confusión que o dominaba, Orfeo puido percibir que unha das entidades tiña máis forza que as outras. Isto é o que adoita ocorrer cando hai varias entidades nunha mesma persoa. Unha delas ten dominio sobre as outras. Polo xeral, a entidade dominante é a última en manifestarse. É coma se primeiro mandase á fronte ás outras e, mesmo, ata a ameaza para que non a delaten. Cando as entidades máis débiles se retiran, a que era dominante xa non ten outra alternativa que mostrarse.

Parece ser que a causa principal ou o motivo de semellante invasión de entidades en Orfeo foi un pacto coa escuridade que el realizara nunha vida anterior. Estes pactos aparecen frecuentemente ao traballarmos con vidas pasadas. Como na dimensión da alma o tempo non existe, estes pactos conservan toda a súa forza. Na práctica, é coma se un os acabase de realizar. Mentres o pacto siga intacto mantén a súa vixencia, non importa que a persoa agora estea noutra vida. A nivel da alma todo segue igual, nada mudou. Cómpre alcanzar ese punto da alma para podermos iniciar o proceso de desprendemento e liberación de todas as enerxías que acompañan ou hostigan unha persoa.

Vexamos como lle foi a Orfeo logo deste traballo.

«No curso da primeira sesión contactei coa fragmentación da miña personalidade e a ocupación do meu espazo interior por un número elevado de almas perdidas ou entidades debido a unha traición á luz «antes do tempo» como humano. Logo da segunda sesión sentinme moi ben. O máis importante é que puiden ser moi constante no meu ioga e meditación matutina. Sempre fun moi disciplinado na miña vida, mais cando a adversidade me golpeaba deixaba a miña práctica diaria e iso acababa por afundirme. Despois do traballo con Cabouli non tiven baixóns que poida resaltar e a miña espiritualidade ha de ir medrando cos días. A miña fraxilidade fai que cada día teña que traballarme física, emocional, mental e espiritualmente; senón é así bloquéome e sufro. Non teño moi claro por que levaba tanto “persoal” comigo. Hai uns anos estiven vinculado a un centro que hoxe cualificaría de sectario. A xefa dese centro era unha canalizadora que impartía ensinamentos directamente de entidades enerxéticas que estaban vinculadas a ela. Non creo que esa sexa a única razón, nin moito menos. Ata os corenta anos sentinme coa sensación de non encaixar nos roles e as directrices que marca a sociedade dos humanos. Teño muller, un fillo e unha filla e síntome moi feliz con eles. Grazas a eles humaniceime. Vexo que gradualmente vou tomando terra e alégrame ver que tanto sufrimento e desasosego pasado está a converterse en paz, felicidade e sensación de vida para min e para os meus, e en servizo e utilidade para os demais.»

Doutor José Luís Cabouli. Terapia da posesión espiritual. Técnica e práctica clínica. Edicións Continente. Páxinas 270 a 285.
Tradución á lingua galega: Vicenzo Reboleiro González.