Un caso de reencarnación, por Jordi Griera. Gl

Un caso de reencarnación, por Jordi Griera.

Jordi Griera Roig. «Vent d‘alliberament, guia per a viure lliure i conscient» («Vento de liberación, guía para vivir libre e consciente»). 3a edición. Portada. catalán.A nai dos meus fillos, Mariona, tiña soños recorrentes desde que casamos, facía quince anos. De mañá dicíame «esta noite tiven un deses soños» e contábamo. Eran dun realismo inusual, non sempre era o mesmo, mais tiñan elementos comúns que os situaban en ambientes duns séculos atrás.

Nalgúns, ela levaba unhas cartas secretas por rúas desertas, de noite e sen luz; cría que eran para uns conspiradores, porque se agochaba. Noutros, vía unha cripta dunha catedral con estatuas de mármore branco, ou encontrábase baixando escaleiras para entrar nunha igrexa románica grande e escura, adornada cuns damascos extraordinariamente ricos; ou estaba nun claustro, ou nunha peregrinación a pé pola ribeira dun río, con asnos e vestida «moi antiga e sinxela», atravesando o río, durmindo nunha cova do camiño, pasando perto dun volcán inactivo, etc. Outras noites soñaba que ía polas rúas dunha aldea con casas de cor ocre, como as do Piamonte ou Lombardía. Tamén lembro que falaba dunha ermida dedicada á Santísima Trindade, situada nun val entre tres outeiros.

Aquel ano propúxenlle ir de vacacións á procura dalgún lugar que se parecese aos seus soños. Como vía un volcán, o primeiro lugar que pensamos foi Santa Pau, na Garrotxa catalá. Fomos, con todo non encontramos ningún dos outros elementos; o mosteiro de Ripoll é unha xoia, porén é moito máis pequeno que aquela grande igrexa románica do seu soño, e ás igrexas de aquí sóbese, non se baixan unhas escaleiras para entrar nelas. Visitamos as ruínas de San Pedro de Roda, unha inverosímil catedral no cimo da Albera, onde os Pirineos tocan o Mediterráneo, e da cal dixo Alexandre Deulofeu que foi o primeiro templo románico de Europa. Tampouco era a igrexa.

Entón pensamos en Italia; hai volcáns, non só o Vesubio, e existen as casas de cor ocre. Organizamos unha viaxe alí cunha caravana nova e levamos os nosos tres fillos. En Ventimiglia ou Portofino, vimos rúas como as dos seus soños, os da «serie ocre», que se podían situar en cidades italianas do século XVIII. Non encontramos en Italia igrexas románicas do tamaño nin características das dos soños «de igrexas e volcáns».

Iamos desistir, cando un día chamounos a miña sogra. Era moi devota das virxes negras; non direi que as coleccionaba, mais si que se preocupaba de saber onde estaban todas. Ese día lera que existía unha Virxe negra no Puy e telefonábanos para que lle dixésemos onde estaba iso.

Sen Google, cinco anos antes do nacemento de Internet, unha pregunta como aquela significaba botar man de enciclopedias e mapas de estradas. Localizamos o Puy ou Puèi e a súa virxe negra na Auvergne occitana, e… puxéronsenos os pelos de punta: a igrexa do Puy é románica, toda Auvernia está chea de grandes igrexas románicas, e tamén é terra de volcáns.

Non agardamos as vacacións; en canto tivemos tres días, o 16 de marzo de 1987, fómonos a Francia. Antes de saírmos, con todo, deille unha libretiña e pedinlle que debuxase con tanta exactitude como puidese algunhas das cousas que soñaba. Debuxou a planta da igrexa, a localización da porta por onde entraba e o altar. Noutro debuxo había unha cripta con estatuas en semicírculo, que ela dicía que eran de mármore branco. Á cripta entrábase por unha porta á dereita, segundo se olla a ábsida, que daba ao río.

Con axuda do «Guide Michelin» situamos as principais igrexas románicas entre o Puy e Clermont-Ferrand, todas con virxes negras, e visitámolas unha por unha.

O primeiro que constatamos é que, quitado o Puèi, accédese a elas baixando unhas escaleiras idénticas ás dos soños.

En Clermont, a catedral é gótica, mais a vella basílica é románica, e encóntrase xunto ao río Alier. Dedicada á Virxe do Porto, é unha igrexa fantástica, enorme e fermosísima, patrimonio mundial da UNESCO. Mais, non era «aquela»; con todo, como tiña unha cripta, baixamos vela.

Oh! era a súa cripta, coa pequena porta que dá ao río, pola que ela entraba chegando da peregrinación. Eu ollaba o debuxo feito antes de saírmos de casa e non podía crelo, porque era exacto. Porén, non había nin rastro das estatuas de mármore branco. Buscamos un guía e preguntámoslle se tiña habido estatuas alí. Respondeunos que si, mais que ao empezar a Revolución, alí moi violenta, leváranas á catedral de Reims, por temor a que as rompesen. ¡Eran estatuas de mármore branco e aínda están en Reims!

A cripta si, mais a igrexa non era «a igrexa». Cambiamos de poboación e visitamos Issoire. Preciosa, parecíase un pouco á do soño, pero non o era.

Decidimos abandonar e xa tomaramos a estrada de volta a Barcelona cando o meu copiloto dixo «aquí en Brioude hai outra, que di a Guía que é moi grande.» A min xa me daba preguiza determe, mais accedín.

Era esa! Eu vía a Mariona correr dun lado a outro, identificando detalles, moitos; dicía «Esta porta leva á sancristía» e así era. Era exactamente a igrexa dos seus soños, pero había algunhas diferenzas importantes que había que aclarar: Primeiro, a porta por onde ela dicía que se ía ao claustro, daba á rúa. Consultado o sancristán díxonos que o claustro estaba en tan mal estado despois da Revolución de 1789 que o demoleron ao faceren a reconstrución da igrexa en 1840. Nos seus soños ela víase de pé no limiar dunha porta lateral e vía o altar diante, xusto na cruceta da igrexa; en cambio agora a parede é lisa, sen rastro de portas, e o altar está máis arriba, cara á ábsida. O sancristán acabounos de petrificar cando nos contou que o altar había poucos anos que o mudaron de lugar, cando o Papado recomendou que a misa se fixese de face ao pobo, e, con respecto á porta, ouvira que había unha no lugar do soño, pero clausurárana uns cen anos atrás. O rastro da porta na parede desaparecera co tempo, pero no exterior atopamos uns chanzos que levaban ao lugar da parede onde estivera a porta. As prezadas colgaduras e os tapices desapareceron durante a Revolución; era lóxico, mais ficaba unha grande incógnita: a igrexa do soño era escura e Saint Julien de Brioude é hoxe unha basílica moi luminosa. Non o entendiamos.

Na seguinte viaxe localizamos os planos orixinais da igrexa. Eran idénticos á igrexa actual, con fileiras de xanelas altas que daban unha grande luminosidade ao edificio. Aínda se entendía menos a escuridade do soño. O enigma resolveuse nunha consulta que fixen ao Almanaque de Brioude. Atopei un número que explicaba a reconstrución de San Julián en 1840. O arquitecto tomou a decisión de restituír a igrexa ao seu deseño orixinal, segundo os planos. Para iso tivo que derruir unha segunda cuberta de lousa que se construíu en 1550 para impermeabilizar a nave central e as laterais. Ao parecer entraba demasiada choiva. Fixérona dunha peza e as xanelas altas da nave central quedaron obstruidos.

San Julián de Briuda, nave central.

San Julián de Briuda, nave central.

Iluminada unicamente polas naves laterais, a igrexa quedou escurecida entre 1550 e 1840. Os recordos de Mariona quedaban así datados entre 1550 e 1789, ano da revolución, o que coincidía co ambiente e coas roupas que ela se vía vestindo. Nos arredores de Brioude fomos identificando o vao do río na Bageasse, as grutas, os volcáns apagados na veciñanza, os camiños de peregrinación até a Virxe do Porto de Clermont, a ermida da Trindade… todo!

Un achado tan extraordinario tiñámolo que comunicar e entramos en contacto co Dr. Ian Stevenson, famoso autor de moitos libros sobre reencarnación. Falei por teléfono con el; era canadiano, pero estaba en Inglaterra, fora nomeado presidente da Society for Psychical Research. Aproveitando unha viaxe a Londres, polo meu traballo, o 8 de febreiro de 1989, ¡benditas axendas! recibiunos no seu despacho. Ficou abraiado. Estudara uns tres mil casos de posibles reencarnacións e o noso era dos máis detallados e comprobables.

En 2013 a web de «Scientific American» publicou un artigo do prof. Jesse Bering no que dicía que «Os traballos de Stevenson estableceran que a probabilidade estatística de que existise a reencarnación é tan avasalladora, que as probas acumuladas non son inferiores ás demais ramas da ciencia.»

Extracto do libro: «Vent d‘alliberament, guia per a viure lliure i conscient» («Vento de liberación, guía para vivir libre e consciente»).
Autor: Jordi Griera.
Para obtelo visitar http://vientodeliberacion.com
Tradución á lingua galega: Vicenzo Reboleiro González.