Testemuño de Amy. Caso de suicidio e paso pola biblioteca dos Libros da Vida. Gl

Testemuño de Amy. Caso de suicidio e paso pola biblioteca dos Libros da Vida.

Destino das almas. Un eterno crecemento espiritual (Destiny of Souls). 2000. Arkano Books (http://www.alfaomega.es).No seguinte relato, unha paciente do Doutor Michael Newton, que aquí toma o nome de Amy, revive unha vida pasada na cal se suicida por atoparse solteira, embarazada e perder a súa parella nun accidente na Inglaterra victoriana. A súa alma queda estancada uns cen anos dedicada a reflexionar sobre o que fixo, ata que accede a unha biblioteca dos Libros da Vida. Alá establece un diálogo coa alma dun dos bibliotecarios, un experto mestre que a axuda a continuar o seu camiño de evolución espiritual.


Caso 17. Testemuño de Amy. Caso de suicidio.

Amy retornara recentemente ao mundo dos espíritos despois dunha vida nunha pequena aldea campestre de Inglaterra onde se quitou a vida en 1860, á idade de dezaseis anos. Esta alma debería esperar outros cen anos antes de volver á Terra, debido ás súas dúbidas e deficiencias para afrontar a adversidade. Amy afogouse nun estanque da localidade porque se atopaba embarazada de dous meses e era solteira. O seu amante, Thomas, morrera unha semana antes cando caeu dun teito de palla que reparaba. Souben que ambos estaban profundamente namorados e planeaban casar. Durante o reconto da súa vida anterior, Amy confesoume que cando Thomas morreu ela sentiu que a súa vida tamén terminaba. Ademais ela non quería ocasionar vergoña á súa familia polas faladurías dos aldeáns. Con bágoas nos ollos, a miña paciente díxome: «sabía que me chamarían prostituta e se fuxise a Londres, niso sería no que se convertería unha muller nova, pobre e cunha criatura».

En casos de suicidio, un guía da alma pode ofrecerlle un retiro, unha forte enerxía de rexeneración, un pronto regreso ou algunha combinación destas alternativas. Cando Amy cruzou o limiar despois de morrer, o seu guía Likiko e a alma de Thomas consolárona por un tempo. Máis tarde ela quedou a soas con Likiko nun fermoso xardín. Amy percibía a decepción en Likiko e esperaba ser reprendida pola súa falta de valor. Con rabia, preguntou ao seu guía por que a vida non foi como se planeou desde o comezo, ela nunca contemplara a posibilidade dun suicidio antes de encarnar; pensaba que casaría con Thomas, terían nenos e vivirían felices na súa vila até a vellez. Sentía coma se alguén lle segase a herba baixo os pés para facela caer. Likiko explicoulle que a morte de Thomas era unha das alternativas neste ciclo de vida e que ela tivo a liberdade para tomar decisións mellores que o suicidio.

Amy soubo que para Thomas, a súa decisión de subir a un teito alto, empinado e perigosamente liso foi probablemente unha alternativa: a súa mente xa considerara este «accidente» para probala a ela. Tamén souben que Thomas estivo preto de non aceptar o traballo no teito porque percibía «forzas internas que o empuxaban noutra dirección». Aparentemente, aínda que en anteriores vidas ela presentara comportamentos sutís, todos neste grupo de almas vían en Amy unha capacidade de supervivencia maior que a que ela mesma se atribuía.

Unha vez no outro lado do limiar, Amy considerou todo este exercicio cruel e innecesario. Likiko lembroulle que ela tiña unha historia de autoflaxelación e se algunha vez pretendese axudar a sobrevivir a outros, debería pasar e superar este defecto nela mesma. Cando Amy respondeu que dadas as circunstancias ela non tivera moitas opcións pois tratábase da Inglaterra victoriana, atopouse na seguinte escena de biblioteca.

Doutor Newton: –Onde se atopa nestes momentos?–

Paciente: –(Algo desorientada) Estou nun lugar de estudo… parece… gótico… paredes de rocha… longas mesas de mármore…–

Doutor Newton: –Por que cre que está neste tipo de construción?–

Paciente: –(Pausa) Nunha das miñas vidas fun monxe en Europa, no século XII. Encantábame o vello claustro da Igrexa, era un lugar para o estudo en paz, pero se onde estou agora é a biblioteca de grandes libros… os rexistros.–

Doutor Newton: –Moitos chámanos Libros da Vida. É o mesmo?–

Paciente: –Si, todos os usamos… (pausa, está distraída) Hai un ancián de aparencia aprensiva e ataviado cun hábito branco que se achega… axítase á miña beira.–

Doutor Newton: –Amy, que está a facer o ancián?–

Paciente: –Ben… trae un xogo de pergamiños, rolos de listas. Está a murmurar algo e sacudindo a súa cabeza.–

Doutor Newton: –Ten idea de por que??–

Paciente: –É o bibliotecario. Dime: «chegou cedo».–

Doutor Newton: –A que cre vostede que se refire?–

Paciente: –(Pausa) A que… eu non tiña razóns de peso para volver tan rápido.–

Doutor Newton: –Razóns de peso?–

Paciente: –(Derrúbase) Oh… padecendo unha terrible dor, incapaz de funcionar na vida.–

Doutor Newton: –Xa vexo. Dígame o que fai agora o bibliotecario.–

Paciente: –Hai un enorme espazo aberto onde vexo moitas almas en longos escritorios, con libros por todas as partes, pero non vou cara alí. O ancián lévame a un dos pequenos cuartos privados localizados cara a un lado, onde podemos falar sen molestar aos demais.–

Doutor Newton: –Como se sente con todo isto?–

Paciente: –(Move a súa cabeza resignadamente) Supoño que necesito un tratamento especial e inmediato. O cuarto é moi sinxelo, cunha soa mesa e unha cadeira. O ancián trae un gran libro e sitúao fronte a min, coma se fose unha pantalla de televisor.–

Doutor Newton: –Que se supón que debe facer vostede?–

Paciente: –(Abruptamente) Prestarlle atención! El coloca o seu pergamiño fronte a min e logo ábreo. Entón apunta a unha serie de liñas que representan a miña vida.–

Doutor Newton: –Por favor, vaia amodo e explíqueme o que estas liñas significan para vostede, Amy.–

Paciente: –Son as liñas da vida… as miñas liñas. As grosas e amplamente espaciadas representan as experiencias prominentes na nosa vida e a idade en que moi probablemente ocorrerán. Hai liñas máis delgadas que cortan e dividen ás principais, representan unha variedade doutras… circunstancias.–

Doutor Newton: –Escoitei que estas liñas menos prominentes son posibilidades de actuar que se opoñen ás probabilidades. Iso é o que vostede di?–

Paciente: –(Pausa) Correcto.–

Doutor Newton: –Que máis pode dicirme destas liñas grosas e delgadas?–

Paciente: –Ben… a liña grosa é como o tronco da árbore e as máis pequenas son como as súas ramas. Sei que o tronco é o meu camiño principal. O ancián está a apuntar a esta liña e repréndeme un pouco por tomar unha rama que significaba un canellón sen saída.–

Doutor Newton: –Vostede sabe, Amy, a pesar de que este arquiveiro está á molestar polas liñas, sabemos que representan unha serie de alternativas. Desde a perspectiva do karma, todos tomamos o camiño equivocado de cando en vez.–

Paciente: –(Acaloradamente) Si, pero isto é serio. Ante os seus ollos, non cometín un pequeno erro. Sei que a el lle preocupa o que fago. (fai unha pausa e logo di con ton alto) gustariame pegarlle na cabeza co seu maldito pergamiño. Dígolle: «Vaia e tente vivir a miña vida por un intre!».–

Nota: Neste momento Amy coméntame que o rostro do ancián se abranda e abandona o cuarto por algúns minutos. Ela cre que lle está dando algo de tempo para que se recupere pero en cambio volve con outro libro. Este libro está aberto nunha páxina onde Amy pode ver ao arquiveiro, novo, sendo esnaquizado polos leóns nun antigo coliseo romano, sentenciado a esta morte polas súas conviccións relixiosas. De novo retira o seu libro e abre o libro de Amy. Pregúntolle que ve a continuación.

Paciente: –Anímase en cor tridimensional. Móstrame a primeira páxina cun universo de millóns de galaxias. Daquela a Vía Láctea… e o noso sistema solar… de maneira que lembre de onde veño, coma se puidese esquecelo. Logo móstrame máis páxinas.–

Doutor Newton: –Gústame esta perspectiva, Amy. Despois que máis ve?–

Paciente: –?Ahh… prismas de cristal… escuros e luminosos dependendo dos pensamentos enviados. Agora recordo que fixen isto antes. Máis liñas… e retratos… onde podo adiantar ou retroceder no tempo coa miña mente. Pero dalgunha maneira o ancián está a axudarme.–

Nota: Relatáronme que estas liñas forman secuencias de vibracións que representan aliñacións da liña do tempo.

Doutor Newton: –Como interpretaría o significado das liñas?–

Paciente: –Elas forman os patróns dos retratos da vida na orde que un desexa miralos, que un necesita miralos.–

Doutor Newton: –Non quero adiantarme, Amy. Só dígame o que o ancián fai con vostede agora.–

Paciente: –Está ben. Abre a outra páxina e véxome na aldea que acabo de deixar. En realidade non é un retrato, é tan real, ten vida. Estou alí.–

Doutor Newton: –Está realmente na escena ou simplemente observa a escena?–

Paciente: –Podemos facer calquera das dúas cousas, pero nestes momentos suponse que só debo observar as escenas.–

Doutor Newton: –Isto está ben, Amy. Examinemos a escena tal como o ancián lla presenta Explique o que está a suceder.–

Paciente: –Oh… imos mirar… outras alternativas. Despois de ver o que en realidade fixen no estanque onde me quitei a vida, a seguinte escena lévame de volta ao estanque, na beira. (pausa) Esta vez non me tiro, non me afogo, camiño de regreso á aldea (ri por primeira vez). Aínda estou embarazada.–

Doutor Newton: –(Rindo con ela) Ben, pase a páxina. Agora que?–

Paciente: –Estou coa miña nai, Iris. Confésolle que levo ao bebé de Thomas. Non está escandalizada como pensei que estaría, aínda que si molesta. Bótame un sermón. Logo, está a chorar comigo, abrazándome. (o meu paciente derrúbase mentres con bágoas tenta seguir falando) Dígolle que son unha boa rapariga, pero que estaba namorada.–

Doutor Newton: –Iris cóntalle ao seu pai?–

Paciente: –É unha das alternativas da pantalla.–

Doutor Newton: –Prosiga con ese patrón de alternativa, por favor.–

Paciente: –(Pausa) Mudámonos a outra vila, alí dicimos que son unha viúva. Anos máis tarde casarei cun home maior. Son tempos moi difíciles. O meu pai perdeu moito cando nos mudamos e eramos aínda máis pobres ca antes. Pero permanecemos xuntos como unha familia e a vida mellorou. (volve chorar) A miña pequena nena era fermosa.–

Doutor Newton: –É esa a única acción alternativa que estuda neste momento?–

Paciente: –(Resignada) Oh, non. Agora miro outra alternativa. Volvo do estanque e confeso o meu embarazo. Os meus pais grítanme e discuten amargamente entre si, culpándose mutuamente. Finalmente dinme que non perderán a pequena granxa pola que tanto loitaron e que non abandonarán o lugar por culpa da miña deshonra. Danme algo de diñeiro para que viaxe a Londres e tente conseguir algún traballo como empregada de servizo.–

Doutor Newton: –E como resulta?–

Paciente: –(Con amargura) tal como pensouno. Londres non sería bo. Termino nas rúas, durmindo con outros homes. (treme) Morro nova e o meu bebé convértese nunha nena abandonada que morre tamén. Horrible…–

Doutor Newton: –Ben, pero polo menos vostede tentou sobrevivir nesta vida alternativa. Preséntanselle máis oportunidades de elixir?–

Paciente: –Estou esgotada. O ancián móstrame unha última alternativa. Nesta escena os meus pais seguen considerando que debo marcharme, pero esperan ata que pola aldea pasa un mercador ambulante a quen lle pagan algo de diñeiro para que me leve a outro lugar. Non imos a Londres, senón a outras aldeas da zona. Finalmente consigo emprego cunha familia á que lles digo que o meu marido morreu. O mercador deume un anel de latón e relatou a miña historia. Non estou segura de que me cresen, non importa. Establézome nesa vila, nunca chego a casar, pero a miña filla crece sa.–

Doutor Newton: –Despois de contemplar outras alternativas ao suicidio, cales son as súas conclusións?–

Paciente: –(Con tristeza) Foi un desperdicio quitarme a vida. Agora seino. Cría que o sabía todo. Xusto despois de morrer díxenme: «Deus, foi unha estupidez, agora terei que volver facer todo de novo». Cando comparecín ante o consello, preguntáronme se desexaba probar pronto outra vez. Dixen: «Déixenme pensalo por un tempo».–

Despois desta sesión o meu paciente comentoume algunhas das decisións que tivo que tomar na súa actual vida e que requiriron de valor pola súa parte. Con quince anos quedou embarazada e tivo que loitar contra este conflito coa axuda de conselleiros escolares e finalmente da súa nai, quen foi Iris na súa vida como Amy. Elas apoiárona para levantarse sen importarlle as opinións dos demais. Nas nosas sesións xuntos, ela aprendeu que a súa alma tiña unha tendencia a prexulgar de maneira negativa os eventos serios da súa vida. En moitas vidas pasadas houbo un sentimento de incerteza porque as súas decisións nos momentos de crises fosen equivocadas.

Aínda que Amy era remisa a volver á Terra, hoxe é unha muller de moita máis confianza en si mesma. Tomouse cen anos entre vidas, reflexionando sobre o suicidio e as decisións tomadas nos séculos anteriores a esta vida. Amy é unha alma musical e nun momento dixo:

«Debido a que desperdiciei o corpo que me designaron, estou a facer un tipo de penitencia. Durante a recreación non podo ir ao salón de música, o cal me encanta facer, porque necesito estar a soas na biblioteca. Uso as pantallas para revisar as miñas accións pasadas involucrando as alternativas naqueles casos en que me magoei a min mesma ou a aqueles que me rodean».

Cando un paciente usa a palabra «pantalla» para describir como ve os eventos, o ámbito é importante. As pequenas salas de conferencia e a biblioteca mostran mesas cunha variedade de libros do tamaño dun televisor. Estes así chamados libros teñen as pantallas tridimensionales iluminadas. Un cliente repetiu os pensamentos da maioría, cando dixo: «Estes rexistros dan a ilusión de ser libros con páxinas, pero son follas de enerxía que vibran e forman patróns vívidos de eventos» (…).

Doutor Michael Newton. Destino de las almas. Un eterno crecimiento espiritual (Destino das almas. Un eterno crecemento espiritual). Páxinas 93-100.
Tradución: Elisa Borrazás.