Respectar os individuos doutras condicións. O testemuño de Evelyn.
Este caso do Doutor Brian Weiss pertence a unha paciente que aquí toma o nome de Evelyn, onde se evidencia a necesidade de aprender a respectar as persoas que pertencen a un colectivo alleo.
Segundo o Doutor Weiss, é frecuente que os individuos que odiaron a persoas doutra condición se reencarnen posteriormente en persoas que pertencen xustamente a esa condición.
O labor do terapeuta neste caso consiste en axudar a identificar, mediante a técnica da regresión, a orixe do conflito, que foi descuberto nunha vida pasada. Máis adiante, suxire realizar progresións a hipotéticas encarnacións futuras, o resultado das cales varía en función da actitude do paciente ante o reto exposto.
O testemuño de Evelyn.
Evelyn dedicábase ás fusións e as adquisicións; é dicir, que o seu traballo consistía en axudar a dúas empresas a unirse ou a unha delas comprar a outra. Cando as compañías eran grandes, as ofertas adoitaban ser de centos de millóns de dólares, e os honorarios que cobraba a empresa para a que traballaba Evelyn tiñan polo xeral sete cifras. Ela recibía un soldo considerable que, moitas veces, dobrábase ou triplicábase ao sumarlle as bonificacións de final de ano, coas que se lle recompensaba o aumento na facturación.
Tería uns trinta e cinco anos, era delgada e fisicamente atractiva, co pelo negro e moi curto, case o estereotipo dunha executiva nova. Cando acudiu a verme, a súa roupa reflectía o nivel do seu éxito: chaqueta e bolso de Chanel, pano de Hermès, zapatos de Gucci, reloxo Rolex e colar de diamantes. Con todo, cando a mirei aos ollos (cousa que non resultaba fácil, xa que os apartaba en canto se decataba de que a observaba) detectei tristeza; a luz procedía dos diamantes que rodeaban o seu pescozo, non da súa expresión.
–Necesito axuda, –pediume no momento en que nos saudamos.
Sentou e empezou a retorcer nerviosa as súas mans no colo. Enseguida me dei conta de que tiña tendencia a falar con oracións afirmativas sinxelas enunciadas en voz alta, que quedaban pouco natural.
–Son infeliz.
Fíxose o silencio. –Siga, –rogueille.
–Ultimamente perdín toda a miña alegría.
A frase soaba estrañamente formal. Lembrei que era unha cita de Hamlet. Ás veces os pacientes utilizan palabras prestadas para non ter que recorrer ás súas propias. É un mecanismo de defensa, unha forma de ocultar os sentimentos. Esperei a que seguise.
Tardou un intre.
–Antes encantábame o meu traballo. Agora non o soporto. Antes quería ao meu marido. Agora estamos divorciados. Cando teño que velo, case non son quen de miralo á cara.
–Cando comezou ese cambio?, preguntei.
–Ao comezaren os atentados suicidas en Israel.
Aquela resposta absolutamente inesperada deixoume pasmado. Ás veces, os cambios de humor que supoñen o paso da felicidade á depresión teñen a súa orixe no falecemento dun dos pais (o de Evelyn, segundo souben despois, morrera sendo ela unha nena), a perda do traballo (desde logo, ese non era o seu problema) ou as secuelas dunha longa enfermidade (ela gozaba de excelente saúde física). Os atentados suicidas, a non ser que un sexa atacado directamente, son, por dicir algo, un detonante pouco habitual.
Botouse a chorar.
–Pobres xudeus. Pobres xudeus. –Tomou aire e as bágoas pararon. –Os árabes son uns cabróns!
Pareceume algo anómalo que unha palabra así saíse da súa boca, e daba unha idea da rabia que había detrás.
–Daquela, vostede é xudía?, –preguntei.
–Dos pés á cabeza.
–E os seus pais? Eran tan fervorosos como vostede?
–Non. Non eran moi relixiosos. Eu tampouco, a verdade. E non lles importaba Israel. Para min, é o único país que importa, e os árabes teiman en destruílo.
–E o seu home?
–Boh!, di que é xudeu, pero Israel tamén lle trae sen coidado. É unha das razóns polas que lle odio. –Fitoume con hostilidade, quizás porque mantiven a calma malia a vehemencia da súa paixón. –Mire, perdín o apetito. Non me apetece a comida, nin o sexo, nin o amor, nin o traballo. Síntome frustrada e insatisfeita. Non consigo durmir. Agora necesito psicoterapia. Vostede ten boa reputación. Axúdeme.
–Para descubrir de onde proceden a rabia e a ansiedade?
–Quero recuperar a felicidade, –Sentenciou baixando a cabeza. –Vou ao cinema, vou de compras, voume á cama… e só penso no moito que odio os árabes. Odio a ONU. Xa sei que fixeron cousas boas, pero están dominados por antisemitas. Todos os votos van en contra de Israel. Son consciente de que esaxero. Sei que deberían importarme outras cousas, pero é que eses cabróns dos árabes como poden matar a bebés xudeus? Como van importarme outras cousas?
***
Probamos a psicoterapia convencional, explorando a súa infancia nesta vida, pero as causas da rabia e a ansiedade que sufría non parecían estar aí. Aceptou tentar unha regresión.
–Volva ao momento e ao sitio no que xurdiu por primeira vez a súa ira,– requirín en canto entrou nun estado hipnótico profundo. Non quixen orientala máis. Ela mesma elixiría o tempo e o lugar.
–Estou na Segunda Guerra Mundial,– anunciou cunha voz grave e masculina, sentada moi erecta e con xesto de incredulidade. –Son un oficial nazi, membro das SS. Teño un bo traballo. Dedícome a supervisar a carga de xudeus nos vagóns de gando que irán a Dachau, onde van morrer. Se algún tenta fuxir, pégolle un tiro. Non me gusta facelo. Non é que me importe matar a unha desas alimañas, senón que non me gusta perder unha bala. Son caras. Ordenáronnos aforrar munición sempre que for posíbel.
Aquela despiadada ladaíña contradicíase co horror mal disimulado da súa voz e o lixeiro tremor que prendeu no seu corpo. Como oficial alemán, poida que non sentise nada pola xente que mataba, pero como Evelyn, sufría un auténtico tormento.
Descubrín que a forma máis segura de acabar reencarnado como membro dun grupo concreto de persoas (xa sexa unha relixión, unha raza, unha nacionalidade ou unha cultura) é odialo nunha vida anterior, demostrar prexuízos ou violencia contra ese grupo. Non me sorprendeu que Evelyn fose nazi. A súa vehemente postura proisraelí nesta vida era unha compensación polo antisemitismo do pasado, que ela acabou convertendo nunha sobrecompensación. O odio que tiña sentido polos xudeus transformouse nunha animadversión igual de intensa cara aos árabes. Non era de estrañar que estivese ansiosa, frustrada e deprimida. Non tiña avanzado demasiado na súa travesía cara á saúde.
***
Despois pasou a outra parte da súa vida como alemán. O exército aliado entrara en Polonia e ela morrera na fronte durante unha encarnizada batalla. Na súa avaliación vital, tras morrer naquela existencia, sentiu remorsos e unha culpa tremenda, pero necesitaba volver para confirmar que aprendera a lección e para resarcir a todos os que prexudicara como oficial das SS.
Todos somos almas, todos formamos parte da alma única, todos somos iguais, sexamos alemáns ou xudeus, cristiáns ou árabes, pero, ao parecer, Evelyn non aprendera esta lección. O seu odio non desaparecera.
–Imos facer un experimento, –propuxen tras devolvela ao presente. –Anímase?
Aceptou encantada.
Púxose cómoda, as súas mans contiveron o seu xogo ansioso. Miroume con expectación.
–Creo que somos capaces de influír nas nosas vidas futuras a través das nosas accións nesta, –comecei. –Neste mesmo intre, vostede está a influír na súa vida futura coa rabia que sente cara aos árabes, do mesmo xeito que o seu antigo odio polos xudeus influíu na outra. Agora, o que quero é que realice unha progresión até a que probabelmente será a súa próxima vida, se segue o mesmo rumbo da actualidade, se segue sendo a Evelyn de hoxe, se a persoa que veu pedirme axuda non muda.
Leveina até un estado hipnótico profundo e guieina até unha vida futura que tivese conexións coa vida do oficial alemán e coa vida actual, marcada polas súas ideas antiárabes. Tiña os ollos pechados, pero era evidente que vían con total nitidez.
–Son unha moza musulmá. Son árabe. Unha adolescente. Estou nunha chabola feita de latas, como as dos beduínos. Vivo aquí dende sempre.
–Onde está esa chabola?? –preguntei.
Engurrou o entrecello.
–Nos territorios palestinos ou en Xordania. Non se ve con claridade. As fronteiras cambiaron.
–Cando sucedeu iso?
–Cambian constantemente. Pero todo o demais segue igual. A guerra contra os xudeus non acabou. Sempre que hai un período de paz, os radicais estrágana; por iso somos pobres. Sempre seremos pobres. –A súa voz cobrou un ton áspero. –É culpa dos xudeus, que son ricos e non nos axudan. Somos as súas vítimas.
Pedinlle que avanzase nesa vida árabe, pero morreu pouco despois «dunha enfermidade» e non foi capaz de engadir nada máis. En cambio, puido albiscar a vida posterior a esa. Era un home cristián e vivía na África oriental. Estaba moi enfadado polo aumento da poboación hindú na rexión. (É incrible, pensei, os prexuízos nunca morren) Na súa avaliación vital, recoñeceu que sempre houbera e sempre ía haber alguén a quen odiar, pero polo menos naquel momento produciuse, por fin, unha epifanía.
–O amor e a compaixón son os antídotos contra o odio e a rabia,– asegurou cunha voz cargada de asombro. –A violencia só serve para perpetuar o sufrimento.
Cando a fixen regresar ao presente, falamos do que aprendera. Sabía que tiña que modificar as súas ideas preconcibidas cara a outros pobos e outras culturas. Tiña que mudar o odio pola comprensión. Eses conceptos son fáciles de entender mentalmente, pero non de asimilar como forma de conduta.
–Necesitou dúas vidas posibles para interiorizalo, –sinalei. –Pero, e se puidese acelerar o cambio agora que captou o concepto no presente? Como serían daquela, as súas vidas futuras?
***
Na nosa seguinte sesión, Evelyn fixo unha progresión até unha vida futura na que relacionaba a do oficial alemán coa súa rabia actual.
–Esta vez imos probar algo distinto, –expúxenlle. –Ten que desligarse de todos os prexuízos da súa existencia actual. Ten que ver todas as almas e todas as persoas como iguais, como seres conectados entre si pola enerxía espiritual do amor.
Invadiuna unha gran calma. Polo visto, o seu futuro cambiara completamente. Non atopou vidas en Palestina nin en África oriental, senón o seguinte:
–Son a directora dun hotel de Hawai. Tamén é balneario. Levo un hotel e un balneario preciosos. Hai flores por todas partes. Os clientes proceden de todo o mundo, de países e culturas distintos. Veñen para atopar unha enerxía rexenerativa. Non resulta difícil, porque o balneario está moi ben administrado e o emprazamento é espléndido.– Sorriu ante a visión. –Teño moita sorte, podo gozar das instalacións todo o ano.
Por descontado, imaxinarse como directora dun balneario fantástico nun lugar precioso rodeado de aroma de hibisco é unha fantasía moi agradable. O que viu Evelyn nesa viaxe ao futuro podería ser perfectamente unha ilusión, unha proxección, ou unha visualización dos seus desexos. Cando retrotraigo a alguén, ás veces resulta complicado distinguir entre recordo real e metáfora, entre imaxinación e símbolo. No entanto, nas vidas pasadas visualizadas disponse dun indicio de autenticidade cando unha persoa fala un idioma que nunca aprendeu nesta (fenómeno que se coñece como xenoglosia), o cal indica que está a ofrecer detalles históricos fieis. Outro indicio é que o recordo provoque unha emoción intensa. Nas progresións, en cambio, as emocións intensas son moi habituais, pero a validación resulta moito máis difícil. Traballo sobre a base de que, aínda que unha progresión non poida comprobarse, non deixa de ser unha eficaz ferramenta de curación. Si, é posible que se dean metáforas e fantasías, pero o importante é que o paciente sane. Coas regresións e as progresións, os síntomas desaparecen, as enfermidades remiten, a ansiedade, a depresión e o medo quedan mitigados.
Ninguén atopou aínda unha forma de confirmar que o futuro imaxinado vaia a suceder realmente. Os poucos que seguiron o meu ronsel neste campo de investigación atópanse de forma inevitable con esa ambigüidade. É certo que, se un paciente realiza unha progresión cara a un momento futuro da súa vida actual, o que vexa pode confirmarse cando se cumpra, pero mesmo neses casos cabe a posibilidade de que, ao albiscar o paciente o seu futuro, decida encamiñar a súa vida nesa dirección concreta; o mero feito de que unha visión sexa produto da fantasía non impide que o suxeito poida facela realidade.
Os pacientes sentan ante min cos ollos pechados. Todo o que lles pasa pola cabeza, xa sexa unha metáfora, un símbolo, unha fantasía ou un recordo real, contribúe ao proceso de curación. Esa é a base da psicanálise e tamén do traballo que realizo, aínda que o espectro da miña actividade é máis amplo, xa que abarca o pasado remoto e o futuro. Desde a miña perspectiva de sanador, o feito de que as visións de Evelyn sobre o sucedido no pasado e o que está por vir sexan reais ou non carece de importancia. É probable que a súa vida como oficial alemán fose certa, xa que o seu recordo foi acompañado de intensa emoción. E sei de certo que as súas visións de existencias futuras tiveron unha forte influencia na súa vida, xa que lle transmitiron algo: se non cambias, vas repetir este ciclo destrutivo de agresor e de vítima, pero, se dás un golpe de temón, podes rompelo. As súas distintas visións do futuro ensináronlle que podía determinar o seu porvir mediante o exercicio do libre albedrío. E que o momento de empezar a polo en práctica era o presente inmediato.
Evelyn decidiu non esperar á súa próxima vida para experimentar a curación e para ofrecerlla aos demais. Aos poucos meses da nosa última sesión, deixou o seu traballo na empresa e abriu unha casa de turismo rural no estado de Vermont. Adoita practicar ioga e meditación. Tanto en aparencia como no seu interior, librouse profundamente da rabia e os prexuízos que a atenazaban. As progresións permitíronlle alcanzar a felicidade que buscaba cando recorreu a min. E eu descubrín nela un modelo da forza da progresión e unha maior seguridade para utilizala como instrumento terapéutico.
Brian Weiss. Same Soul, Many Bodies (Moitos corpos, unha mesma alma). Primeira edición castelá en rústica da Editorial Zeta. Páxinas 65 a 74.
Tradución: Elisa Borrazás.