A Mente: unha entrevista co Doutor Michael Newton, por Mary Arsenault. Gl

A Mente: unha entrevista co Doutor Michael Newton, por Mary Arsenault.

Wisdom Magazine. Logotipo.Wisdom Magazine.

In memoriam, Michael Newton (1931-2016).

Mércores, 1 de decembro de 2004.

Doutor Michael Newton.

Doutor Michael Newton.
Doutor Michael Newton.

En 1994, a vida tal como a coñecemos, con todas as súas preguntas angustiosas de por que estamos aquí e cara a onde imos, chegou ao seu fin coa publicación de Journey of Souls (Viaxe das Almas), do Doutor Michael Newton. Neste libro, que era a culminación de máis de 20 anos de investigación coa regresión hipnótica de máis de 7.000 clientes na súa Vida entre vidas, o Doutor Newton presenta algúns descubrimentos sorprendentes sobre a nosa existencia continua no terreo espiritual despois da morte física. Entre estes descubrimentos encóntrase: que se sente ao morrer, que se ve e sente inmediatamente despois da morte, o encontro dos nosos guías espirituais, a orixe e significado das almas xemelgas, o propósito da vida, e as manifestacións dun «creador». No seu primeiro libro utilizou o estudo de 29 casos, trazou a secuencia dos acontecementos que experimenta unha alma desde o momento da súa morte física até a súa decisión de regresar outra vez ao plano físico.

No segundo libro, Life between lives (O Destino das Almas), publicado no 2000, e clasificado como «o Mellor Libro Metafísico do Ano» na feira do libro Book Expo de Chicago, o Doutor Newton explora con máis detalle o funcionamento interior do ámbito espiritual coa presentación doutros 67 casos. Os temas tratados inclúen os planos astrais, os sistemas grupais de almas e a dinámica de comunidade, o consello dos anciáns, o progresar da alma, as liñas do tempo, as eleccións do corpo, como os espíritos se comunican cos vivos, e moito máis. Estes dous libros, que foron ambos os dous best-sellers e traducidos a máis de vinte e cinco idiomas, inclúen o que se pode considerar unha guía do viaxeiro ao reino espiritual.

O Doutor Newton, agora retirado, formou outros hipnoterapeutas durante anos nas técnicas que el utiliza para inducir a regresión hipnótica á vida entre as vidas. O seu último libro, Life Between Lives: Hypnotherapy for Spiritual Regression (A Vida entre Vidas: Hipnoterapia para a Regresión Espiritual), escrito para practicantes e publicado por Llewellyn Publications, é unha guía paso a paso na metodoloxía e as palabras clave utilizadas para facilitar a regresión hipnótica aos reinos espirituais. Baseado sobre todo en estudos de casos novos e máis recentes, o libro será interesante tamén para os non practicantes familiarizados co traballo do Doutor Newton, desexosos de máis información sobre a vida entre as vidas.

Este tres libros xuntos representan a triloxía completa do que se pode describir como o progreso máis sorprendente, transformador e innovador do coñecemento xamais presentado á raza humana. Nas probas científicas de reproducibilidade máis recentes, os resultados da investigación do Doutor Newton foron verificados por outros hipnoterapeutas da Vida entre Vidas (LBL) localizados en todo o mundo.

O Doutor Newton, psicólogo asesor, mestre hipnoterapeuta, ensinante e autor, é tamén o fundador da Society for Spiritual Regression, unha organización internacional creada co obxecto de formar a hipnoterapeutas experimentados nas técnicas utilizadas para a regresión á vida entre vidas.

Segundo a información, vostede topouse coa regresión á vida entre as vidas por casualidade, a través dunha sesión rutineira dunha regresión con hipnose a unha vida pasada. Cales foron as circunstancias que facilitaron ese descubrimento?–

–Ben, un día acudiu a min unha muller cun problema de depresión, dicindo que se sentía illada da sociedade e que sentía unha terrible saudade de estar cos seus vellos amigos. Pregunteille se eses vellos amigos que xa non estaban eran amigos da infancia, e dixo que non, que non os vía na súa vida ordinaria, só nos soños. Púxena en hipnose profunda e pregunteille se eses amigos que botaba en falta eran quizás persoas que coñecese nalgún momento da súa vida adulta. «Non», dixo. Eran seica amigos de infancia que xa non estaban? «Non», dixo novamente. Comezamos daquela a explorar varias vidas pasadas e apareceron un par destes queridos amigos. Pero ela seguía dicindo que non vira a maior parte deles e que o que realmente desexaba era velos a todos xuntos. Segundo ela, isto era o que a facía sentir tan illada. Chegados a este punto, eu non tiña nin idea de onde estabamos e principiaba a sentirme frustrado. Non me decataba que se trataba dunha muller altamente receptiva que estaba a profundar dun modo que, como comprendín máis tarde, era o modo apropiado de levar a unha persoa ao que eu chamo un estado supraconsciente. Sen darme conta, utilizara con ela palabras que máis tarde descubrín que eran «palabras clave» para facilitar o proceso de regresión espiritual. Neste exemplo tratábase da palabra «grupo». Finalmente pregunteille se houbera un tempo da súa existencia en que non se sentiu soa porque estaba co seu «grupo» de amigos, e inmediatamente exclamou: «Si!» Así que simplemente díxenlle que fose alí e no instante seguinte, estaba cos ollos pechados e rindo, indicando cara á parede do meu despacho e dicindo «Agora estounos vendo a todos!» Pregunteille onde nos atopabamos, estabamos nunha vida pasada? «Non, estou no mundo dos espíritos», dixo. Isto abriume a porta. Xa estivera implicado en regresións a vidas pasadas, algo que nunca antes utilizara na miña consulta tradicional, así se podía dicir que estaba listo para «entrar en acción» canto ao traballo metafísico. Con todo, os resultados desta sesión produciron un cambio radical en min. Fiquei obsesionado co que tiña sucedido, escoitando a cinta unha e outra vez, afinando con outros clientes, e lentamente este complexo crebacabezas empezou a tomar forma.–

E a comunidade académica, como recibiu o seu traballo?–

–Cando fixen este descubrimento de que era posible chegar á mente e á alma inmortal das persoas a través da hipnose profunda, non lle falei a ninguén do tema. Naturalmente, a xente coa que traballaba sabíao e contoullo aos seus amigos, moitos dos cales se converteron en clientes, mais non asistín a congresos metafísicos, non fun ás librarías na procura de material metafísico, non quería estar condicionado ou influído por nada. Sinxelamente, traballaba só tentando atar cabos. A maior parte da investigación fíxena nos anos 60 e 70, e non comecei a escribir «Viaxe das Almas» até os 80. Tomoume bastantes anos escribir o primeiro libro, porque nunca antes se escribira nada semellante e eu quería que se comprendese ben o tema. Cando finalmente o publiquei e os meus antigos colegas o viron, pensaron que perdera a cabeza! Non podían crelo! Algúns ficaron fascinados, sobre todo os que traballaban con hipnoterapia, mais en xeral non é un tema que interese aos psicoterapeutas moi convencionais. A xente que realmente aceptou o meu traballo foi o público en xeral que quería saber como era a vida no outro lado, cal é o propósito de estarmos aquí, por que escolleran o corpo que tiñan, etc.–

Para a maior parte da xente, tradicionalmente foi a Relixión quen cubriu esta necesidade de información relacionada co Alén. Antes da súa investigación tiña crenzas relixiosas ou conviccións concretas?–

–Non, non era membro de ningunha relixión ou institución e, francamente, sentía rexeitamento cara a elas, e dalgunha maneira aínda o sinto, aínda que respecto a fe das persoas porque é o que nos sostén. A miña vida relixiosa, tal vez, consistía na procura filosófica e o interese pola reencarnación. Poderíase case dicir que era ateo e foi curioso para min pensar por que fun «escollido» por quen sexa que fai a selección, para facer este traballo e revelar esta información ao público. Non podo pensar en ninguén menos cualificado. Con todo, desde a miña investigación, os meus clientes déronme unha nova base de crenzas espirituais e eu débolles moito.–

Como podía estar seguro de que o que a xente dicía era unha experiencia espiritual auténtica e non unha fantasía que se estivesen inventando?–

–Ben, unha das cousas principais que un investigador serio ha de facer, é non suxerir nunca unha resposta a unha pregunta. Isto causa prexuízos. Eu trataba cada caso coma se estivese a escoitar a información por primeira vez. Nunca facía preguntas do tipo: «Ves isto?», senón máis ben preguntaba «Que é o que ves?». Efectivamente ao principio tiña medo de que quizá a xente estivese fantaseando, aínda que sabía que na hipnose profunda isto non ocorre. A xente simplemente non fantasea. As súas mentes están demasiado organizadas. O que me convenceu para seguir coa investigación foi a coherencia dos informes. Estaba abraiado de que, independentemente da relixión, cultura ou nacionalidade das persoas, en canto se encontraban en hipnose profunda, todos me dicían as mesmas cousas. Ademais, nos anos pasados formei outras persoas no mundo para que fagan este traballo, e os seus resultados son os mesmos que os meus. Esa é unha validación real e estou encantado con iso.–

Falando das conviccións relixiosas dos seus clientes, encontrou se as súas crenzas sofren algún tipo de cambio despois de experimentar a súa vida entre vidas baixo hipnose?–

–Ás veces, cando un cristián, por exemplo, entra por primeira vez no reino espiritual e ve a alguén que vai cara a el, dirá algo como «Vexo a Xesús que camiña cara a min!» Son moi paciente coas persoas, e coidadoso coas súas crenzas relixiosas. Dígolles «Iso é marabilloso! Deixemos que este ser se achegue un pouco máis e dime o que ves.» Con todo, a medida que o ente se achega cambian de opinión e din «Non, non é Xesús, é tal persoa», que podería ser un amigo ou o seu guía espiritual. Despois da sesión moitos se espertan chorando de alegría, agarrando con forza as súas cintas gravadas. O que é máis significativo para eles é saber que alén de calquer ensinamento relixioso que poidan recibir, esta información chégalles directamente a través do propio banco de datos da súa memoria.–

Algunha vez experimentou persoalmente unha regresión á Vida entre Vidas?–

–Si, mais hei de dicirlle que esperei moito tempo antes de encontrar a persoa acaída. Son moi quisquilloso. Nun dos meus programas de formación, atopei unha muller psicoterapeuta moi intuitiva e hábil, e pregunteille se estaría disposta a facerme unha sesión. Tiven unha sesión marabillosa con ela.–

Vostede, ou algún dos seus clientes, revisaron vellos documentos para verificar vidas pasadas máis recentes?–

–Algúns clientes comproban a veracidade da súa experiencia a través de vellos documentos, de estaren dispoñibles. Aínda que en xeral deixo esas comprobacións para o cliente, recentemente seguín eu mesmo un caso, sobre todo porque sucedeu preto de onde vivo en High Serras. Esta muller dixo que fora un membro do Grupo Donner, que se perderon nas montañas e tiveron que recorrer ao canibalismo para sobreviviren. O centro onde isto sucedeu non está lonxe da miña casa, de maneira que puiden revisar vellos diarios e verificar o que dixera esta muller. Foi sorprendente o que ela sabía!–

Ten algunha teoría do por que, a estas alturas da historia, finalmente podemos ter acceso á información relacionada coa nosa vida entre vidas?–

–Persoalmente, penso que hai dous factores activos aquí: un é a tremenda sobrepoboación da Terra. Nunca antes na historia houbo tanta xente viva sobre a Terra, e somos como ratas nun labirinto, especialmente a xente que vive nas grandes cidades, e isto produce unha perda da identidade. Eu creo que os poderes existentes quizá nos permitiron a min e a outros descubrir un pouco máis de información do que quizá se permitiu en épocas anteriores por mor deste feito. A segunda razón, creo, é o uso estendido de drogas. Certamente o alcol foi usado durante miles de anos. Con todo, agora os escolares de primaria teñen acceso a drogas, como a coca e a heroína, e fican drogados até perder o sentido. Isto é precisamente o que os nosos guías e mestres non queren que fagamos. A alma non pode funcionar cunha mente drogada. Non estamos aquí para fuxirmos da realidade.–

O seu último libro, Life Between Lives: Hypnotherapy for Spiritual Regression (Vida entre Vidas: Hipnoterapia para a Regresión Espiritual), dá instrucións detalladas para que un hipnoterapeuta poida levar a cabo regresións de Vida entre Vidas. É isto o único que necesita un hipnoterapeuta para empezar a realizar regresións de Vida entre Vidas, ou recomenda unha formación adicional?–

–Aínda que un hipnoterapeuta experimentado podería teoricamente utilizar o meu libro como guía para realizar regresións hipnóticas de Vida entre Vidas, unha sesión real necesita entre tres e catro horas e representa un gran esforzo mental e físico tanto para o terapeuta como para o cliente. A meirande parte de hipnoterapeutas adoitan realizar sesións utilizando só o estado alpha, que duran uns 45 minutos. Para unha regresión de Vida entre Vidas o cliente ha de estar nun estado theta, que alcanzamos xusto antes de durmirnos, e normalmente se necesíta unha hora só para que o cliente alcance ese estado antes de que se poida nin sequera iniciar o traballo. Para este tipo de traballo precísase un tipo especial de terapeuta. Claramente non está ao alcance de calquera, e eu recomendo encarecidamente unha formación adicional antes de tentar incluír a regresión de Vida entre Vidas na propia consulta.–

Mary Arsenault é a editora do Wisdom Magazine. Para máis información sobre o Doutor Michael Newton e formacións previstas, visítese esta web:

https://www.newtoninstitute.org/

Ligazón da entrevista orixinal en inglés:

http://www.souljourneying.com/articles/article/2133640/28077.htm

Tradución: Vicenzo Reboleiro González.