Katia. Caso Clínico. Gl

Katia. Caso Clínico.

Academia de Terapia Regresiva Doctora Viviana Zenteno (Academia de Terapia Regresiva Doutora Viviana Zenteno).Mércores, 1 de Outubro de 2014.

Terapeuta: Doutora Viviana Zenteno.

Katia (45) comprende nesta regresión o motivo dunha renuncia amorosa. Anos atrás ela era libre, mais el non, e era unha figura pública.

Terapeuta: Que estás a ver?

Katia: Estou a ver desde arriba unha illa, con moita vexetación, vou entrando na espesura. Agora descendo, hai como unha selva, e dentro unha chaira cun anfiteatro así, grande.

T: Como estás vestida?

K: Cunha túnica, pelo longo, escuro e algúns adornos.

T: Que idade tés?

K: Como 25… vénseme que son unha sacerdotisa. Hai un templo… Non sei se é unha illa ou unha península, mais está rodeado de mar e o templo está no medio da selva… Vexo uns ídolos de pedra, como deuses. Como que eu tivese un posto importante, como que sei moitas cousas que outros non saben. No lugar quéimanse incensos ou algún perfume. Escóitase música, como de tambores. Dirixo as cerimonias, pedindo algo á natureza, aos deuses, abundancia, fertilidade, con cantos. Estou un chanzo máis arriba que os outros, dirixindo, invocando.

T: Cal é a túa sensación física nese momento?

K: Síntome ben aí. Unha sensación de plenitude… coma se eu dalgunha maneira lle transmitise a esa xente cousas que eles non saben e eu si sei, daquela iso dáme unha sensación de poder.

T: E cales son as túas emocións?

K: Un pouco de orgullo, son un pouco soberbia.

T: E as túas reaccións mentais?

K: Doume conta que esas invocacións e eses rituais son efectivos, son poderosos.

T: Fíxate, esas sensacións de orgullo, plenitude e poder, que é o que che fan facer na túa vida como Katia?

K: Fanme sentir capaz, que eu podo.

T: E que che impiden facer?

K: Ás veces impídenme recoñecer os meus erros.

T: Moi ben. Segue avanzando ata outro momento importante para a túa alma.

K: Vénseme que eu tiña un amante e que o mantiña en segredo, porque non debía.

T: Tiñas algo oculto… ben, imos ver como era iso: un, dous, tres…

K: É un guerreiro e temos unha relación forte, de amor, mais que non pode saír á luz pública porque as sacerdotisas debemos ser célibes. Hai no templo un cuarto secreto, e como eu teño poder, introdúzoo a el. El pertence a outra caste, non inferior ou superior á miña, porén separadas, que non deben mesturarse. Eu síntome protectora con el. El quéreme e é poderoso coa súa forza, coa súa capacidade de loitar. Pero no que respecta ao amor, eu son máis poderosa ca el.

T: A ver, explícame ben.

K: É como que el me respectase en exceso, e eu quero que me tome como muller, e que non me olle coma se eu fose superior. Que entenda que son unha muller e que quero ser a súa muller. Ten dúbidas, non quere seguir, con todo eu dígolle que sigamos, que non vai haber problemas. El ten medo polos dous mais eu dígolle que non nos podemos separar, non debemos separarnos.

T: Continúa.

K: Hai outra xente máis poderosa, uns homes, sacerdotes máis importantes ca min, e eles decátanse. Lévano!! Trato de defendelo, e non podo!! (Katia mostra angustia e temor).

T: Onde estás ti e onde está el?

K: Nun salón grande onde eses sacerdotes nos din que transgredemos estas leis. Supúñase que eu non podía ter este tipo de relación… É un templo, de pedra, frío, grande, alto. Eles levan unhas túnicas, as súas caras son longas, e usan uns cintiños, non coroas, son bandas na cabeza. Son dous. Acúsanme. Eu estou aí parada diante deles, porén eles están máis arriba, eu estou abaixo, e o meu amante está axeonllado, e vano castigar a el. Eu dígolles que non, que NON, que a culpa é miña… mais… a min non me van facer nada… (Chorando)… lévano… empezo a berrar, e suxéitanme… parece que hai máis xente… e eu sei que o van matar, vano sacrificar a el… e bérrolles que non… NON! Eu teño a culpa! Non é culpa del! Por favor… eu teño a culpa… non é a súa culpa, por favor… (Chorando e xemendo)… Non… Non… Non… Eu teño a culpa, poden sacrificarme a min, non a el…

T: Avanza, non te deteñas.

K: Porén eles dinme que non, que eu son necesaria, que eu teño que seguir a facer o meu papel… que hai moitos coma el, mais non coma min… Eu insístolles que a culpa é miña, porén iso non é o que lles importa… el é un máis… E para min é importantísimo! E cando o levan, el é moi valente, mais nos seus ollos vexo ese desamparo, e teño ganas de protexelo… corro tras el e non podo porque non me deixan. E quero morrer con el. Ahhh, ai, ai, unha dor no peito cando mo levan.

T: De todo o vivido aí, que é o que máis che marca?

K: Cando me dou conta que nos descubriron… non, mais o peor é cando me decato que o castigado vai ser el e non eu… Parece que me suxeitan polos ombreiros e polo pescozo, eu estou axeonllada no chan. Tíranme cara a atrás mentres o levan… eses homes son moi malos, moi duros, son inflexibles…

T: Sente esa dor e esgótaa.

K: É como unha ferida profunda no peito… e o pescozo…

T: E a túa reacción emocional?

K: Profunda dor e angustia, desexos de protexelo, quero axudalo e non podo. Quero voar sobre el, e abrazalo… E agora estano levando, e el non se queixa, porén a súa ollada é dun profundo desamparo…

T: Óllao.

K: É alguén que eu coñezo (cun suspiro).

T: E que estás a pensar cando o levan?

K: Doume conta que o meu poder era nada. NADA!

T: E todo iso, de que maneira está a afectarche nesta vida?

K: Faime protexer as persoas que eu quero… buscar nos homes aquel que me parece desamparado, para protexelo…

Faime entender que non hai poder que valla… que é fácil enganarse cos honores… que todos somos mortais, e que non serve envanecerse. Impídeme que me crea todo o conto… É como unha advertencia de «Non te esquezas que en calquera momento a situación pode mudar». E daquela sinto medo cando son feliz.

T: Avanza…

K: Teño que seguir aí, facer ese papel de sacerdotisa, coma se nada pasase. Ninguén máis sabe o que pasou, só os que estivemos aí. E síntome utilizada… antes eu críame moito o conto do meu poder como sacerdotisa, e agora doume conta que son un instrumento destoutra xente, e que a eles lles dá o mesmo que eu tivese pecado ou tivese transgredido as normas, porque eu son só unha imaxe, unha forma de manter eles o seu poder.

Entón, non me van sacrificar a min porque investiran tempo e enerxía en prepararme para ese rol. E por iso castígano a el. E comeza a darme noxo ese papel que represento, porque xa non creo en nada, nin sequera nos deuses que invoco… fago o meu papel a contragusto, e síntome cada día máis violentada.

T: E cales son as túas reaccións ao sentirte violentada?

K: Sinto a raiba, é como un calafrío de odio por eses sacerdotes que non teñen sentimentos. Xa non podo querer a ninguén. Trato de ser aínda máis fría ca eles, porque é perigoso querer a alguén.

T: E todo isto que che fai facer na túa vida como Katia?

K: Dáme a impresión que me afectou máis na miña primeira mocidade, que eu era moi reticente para querer a alguén. Tiña medo de entregarme confiadamente, de querer.

T: Agora irás ao último momento da túa vida nesa vida, un, dous, tres…:

K: Hai unha especie de festa, como bailes e cánticos, con lume e invocacións, e hai outro pobo inimigo que se aproveita diso para invadiren e atacaren o templo. Comezan a tirar lanzas e queiman, e chégame unha lanza ao peito, e doume conta que vou morrer. É como unha mestura, a festa que se transforma en matanza.

Non sinto dor. Sinto unha mestura de sorpresa con alivio: por fin acabouse. Eu quería morrer había tempo.

T: Avanza a través desa morte e dime que está a ocorrer aí.

K: Vou saíndo daí, subindo, subindo… vexo o meu corpo que está botado, como desarticulado no chan e todos se pisan uns aos outros, hai moito sangue, é unha orxía de sangue aló embaixo… eran uns salvaxes, máis atrasados ca nós.

T: Ese lugar, onde estaba?

K: Algo oriental, como Xava.

T: Como te sentes ao ir subindo e vendo isto?

K: Máis aliviada, como que tivese menos odio, dándome conta que todos morriamos, e que era unha forma de descansar. E vou a un lugar como agradable, como frotando, como volume non máis.

T: Que temos que rescatar agora?

K: Vénseme á mente que eu o quería máis a el que el a min. Como que me tivese gustado que me estivese esperando, e non, non está (rindo). E síntome un pouco desilusionada.

T: Katia, cal é a aprendizaxe desta experiencia?

K: Encontrámonos nesta vida, mais estarmos xuntos destruiría totalmente a súa imaxe. No momento pensei que foramos covardes, mais agora doume conta que estivo ben, que pasei a proba, porque el sería outra vez sacrificado pola miña culpa.

Tradución á lingua galega: Vicenzo Reboleiro González.

Ligazón do caso orixinal en castelán dentro do sitio web «Terapia da alma» da Academia de Terapia Regresiva da Doutora Viviana Zenteno, en Chile:

https://terapiadelalma.org/katia-caso-clinico/