Chamamento da web «En corpo e alma».
Os practicantes da Terapia de Vidas Pasadas (TVP) e da Terapia da Posesión Espiritual (TPE), cada un desde diferentes estilos e variantes de tratamento, e mediante a expresión de numerosos casos, infórmannos que somos almas que imos de corpo en corpo. Do estudo destes casos deducimos que a reencarnación ou metempsicose é a vía natural de aprendizaxe e perfeccionamento das almas.
Estes terapeutas colaboran no perfeccionamento das almas descubrindo e axudando a resolver nos seus pacientes diferentes formas de sufrimento humano; atendendo ao número de persoas encarnadas actualmente no Mundo; facendo ademais unha estimación aproximada do número de almas desencarnadas e tendo en conta os diferentes feitos traumáticos individuais e colectivos non resoltos, vividos pola totalidade da Humanidade do planeta Terra ao longo da súa historia. Cal é a magnitude dos conflitos traumáticos do pasado, de diferentes tipos, pendentes de resolver que afectan este total de almas encarnadas e desencarnadas? Probablemente centenares de miles de millóns.
Para axudar a impulsar este titánico labor de resolución e mellora da conciencia anímica ou espiritual que alcanza a Humanidade enteira, un sitio web que comeza cun número reducido de páxinas, que inclúe a descrición dalgúns casos resoltos, que traduce os seu contido a un número cada vez maior de idiomas, pode converterse nunha ferramenta moi efectiva para chegar a todos os pobos do Mundo, usando unha das principais identidades da alma colectiva dos pobo como é a propia lingua vernácula.
Animámosvos a colaborar neste proxecto axudando de diferentes formas. Traducindo e corrixindo o máis correctamente posible as súas páxinas. Tamén recuperando, e se fai falta corrixindo de acordo co orixinal, as citas xa traducidas dos autores mencionados nos casos que haxa edicións xa feitas do idioma a traducir. Benvidas serán as colaboracións na vertente técnica e estética do proxecto. Quen queira facer unha achega económica poderaa facer directamente á persoa ou persoas que colaboraron e que necesitan unha remuneración, pois neste proxecto trátase de aforrar burocracia administrativa. Todas as persoas e colectivos que participen neste proxecto, se así o queren, poderán figurar co seu nome na páxina de agradecementos e ademais nas páxinas nas cales participaron expresamente.
A nosa Humanidade avanza rapidamente desde certas vertentes da investigación científica e técnica, pero sofre un gran atraso desde o coñecemento da realidade espiritual, o cal comporta tamén un gran atraso ético. Esta situación pon en risco a continuidade da vida nesta gran escola que é o noso planeta. Co presente proxecto, que empeza cunha información básica e non ten por que ser o único, queremos axudar a compensar este desequilibrio e estimular outros proxectos que queiran chegar máis lonxe.
Equipo do sitio web En corpo e alma.
Martes, 21 de Xaneiro de 2020.
Tradución: Elisa Borrazás.