Obxectivos Gl

Obxectivos.

A crenza de que só vivimos unha soa encarnación está moi estendida pot todo o mundo. Ademais, nas civilizacións de Occidente estamos impregnados desta mentalidade moderna de vivir a vida na inmediatez sen preocuparnos excesivamente das consecuencias dos nosos actos.

Neste contexto, a Terapia de Vidas Pasadas (TVP) foi desenvolvida por terapeutas, algúns deles formados no rigor académico e con experiencia práctica, que descubriron a evidencia da reencarnación, non pola vía dun dogma imposto ou por unha crenza libremente aceptada, senón mediante a práctica cotiá cos seus pacientes.

Se un individuo cre que só se vive unha soa vez, pode decidir desentenderse da sorte do lugar onde vive, pois supón que non volverá. Pero ante a dúbida dunha persoa que cre probable que poida volver á Terra, aquela pode pensar: «Coidado, porque quizais volveremos. Por tanto, temos que procurar deixar o Mundo igual ou mellor de como o atopamos, ou polo menos conservalo, evitando que empeore excesivamente, porque será o mesmo lugar onde imos regresar».

Os pacientes da TVP teñen a ocasión de descubrir que vimos a este mundo a aprender. Facémolo pescudando as faltas do noso pasado, coas cales incorporamos diferentes tipos de leccións, entre elas as virtudes fundamentais do amor e a compaixón, que son algunhas das que a alma debe asumir no seu camiño de perfeccionamento. Virtudes necesarias nun planeta como o noso, que pode nutrir de suficiente alimento, materia e enerxía a todos os seus habitantes, pero onde hai xente que sofre carencias graves. Un planeta cunha rica variedade de especies e de medios, pero en risco debido ao exceso de contaminación e ao desperdicio de recursos. Onde a Humanidade dispón dunha gran diversidade de nacións, culturas e linguas, cada unha capaz de ofrecer as súas solucións orixinais ao resto, pero coa capacidade militar suficiente como para destruír varias veces a vida que contén.

A maior materia pendente da Humanidade no noso planeta, aínda que non a única, é elevar o nivel ético e de consciencia da nosa sociedade. Neste labor a espiritualidade é decisiva. Desde este modesto sitio web En corpo e alma introducimos os internautas neste camiño aberto por uns investigadores pioneiros que, combinando a psíquica e metapsíquica, poden axudarnos a mellorar o nivel das relacións entre os individuos, entre os colectivos, e no respecto cara a nosa propia natureza e a do resto dos seres vivos.

Equipo da web En corpo e alma.
Primeira versión: Xoves, 18 de Xaneiro de 2018.
Última modificación: Martes, 30 de Xaneiro de 2018.
Tradución: Elisa Borrazás.